Os socialistas piden a concello e Deputación que "deixen os parches cutres" e acometan a mellora integral da estrada OU-0306
O PSdeG-PSOE de Leiro congratúlase de que o Concello de Leiro escoitase as súas reclamacións para proceder ao arranxo dunha fochanca na OU-0306, concretamente no núcleo poboacional de Lebosende. Os socialistas reclaman, iso si, que o arranxo efectuado pola Deputación Provincial de Ourense, titular da estrada, non sexa un parche “cutre” como ven acontecendo ao longo do tempo e que opten por un proxecto que de unha solución definitiva a unha estrada que presenta numerosas fochancas e socavóns nos seus tramos entre San Cristovo e Leiro.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que o pasado martes presentaron un escrito por rexistro no que instaban ao goberno municipal a pórse en contacto con carácter de “urxencia” coa Deputación Provincial para que procedese ao arranxo dunha fochanca de “grandes dimensións” e que supuña un “perigo constante para viandantes e condutores que circulan a diario pola zona”. Os socialistas afirman que durante o día de onte “procedeuse a un parcheado da fochanca, botándolle unha capa de asfalto que resolveu a perigosidade, pero non o problema”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, “é necesario que a Deputación e o Concello se impliquen en arranxar esta estrada provincial, xa que non basta con parcheos de asfalto”. O edil socialista apunta a que a OU-0306 “presenta numerosas fochancas e problemas ao longo do seu trazado”, motivo polo que require que “se leve a cabo un proxecto, se analice a problemática da aparición constante de fochancas e buracos e se proceda a buscar unha solución definitiva, para que non volvan a xurdir co paso do tempo”.
Rodríguez Vázquez sinala que a fochanca asfaltada en Lebosende “é un tema recorrente, xa que fai uns meses xa se procedeu a un reasfaltado, que tal e como se demostra é unha chapuza total, porque a fochanca volveu aparecer semanas despois”. Debido a esta situación, o voceiro socialista pide que “se tomen medidas para evitar que as fochancas volvan a aparecer e que deste xeito se dea unha solución definitiva a seguridade viaria nesta importante estrada que transcorre polo noso municipio”.