Os empresarios da área industrial do Carballiño piden aos responsables municipais melloras en materia de seguridade , a rede viaria e comunicacións, asi como a creación dun viveiro de empresas.
Este mércores, foron recibidos, na casa do Concello, os integrantes da Xunta Directiva da Asociación de Empresarios da Área Industrial polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Industria, D. Manuel Dacal, co fin de abordar os asuntos de especial relevancia para a boa marcha das 52 empresas que integran dita asociación na actualidade, e conforman o tecido empresarial mais importante da comarca do Carballiño xerando emprego para 1.150 traballadores.
Primeiramente a representación empresarial detallou a relación de inquedanzas e proxectos a emprender para facer viable a actividade empresarial así como o mantemento e mellora do emprego da area empresarial.
A representación da asocición empresarial presentoulles aos responsables municipais a demanda dun Viveiro de Empresas, expuxéronlle os beneficios de contar cun viveiro de empresas, para facilitarlle a emprendedores e emprendedoras o inicio da súa actividade na Area Empresarial, mediante o aluguer de naves a un prezo moi reducido, e así impulsar o asentamento de novas empresas na futura ampliación do parque empresarial.
Polo que respecta ás vias de comunicación, falouse da futura autovía que unirá Ourense con Lugo e a posibilidade de contar cun enlace que conecte a área empresarial do Carballiño coa A-56, algo que sería moi beneficioso, non só para os empresarios e traballadores do polígono, senón para o conxunto da comarca en xeral. O equipo de Goberno mostrouse completamente a favor desta proposta, manifestando o seu apoio, e comprometéndose a establecer diálogo con aqueles axentes e institucións pertinentes.
En materia de seguridade, outro dos principais asuntos que se abordaron, e polo que se mostrou gran preocupación, foi o relativo a seguridade das persoas e as empresas, despois de terse producido diversos roubos en empresas da área industrial nas últimas semanas. Ambas partes estiveron de acordo, en que é primordial ter un entorno seguro, polo que é indispensable adoptar todos aqueles mecanismos para erradicar este tipo de sucesos. Deste xeito, acordaron aumentar as rondas de vixilancia dos corpos de seguridade durante a noite e celebrar unha reunión coa Garda Civil. Tamén se propuxo revisar o actual sistema de vídeo vixilancia instalado no polígono, co obxectivo de mellorar a sua eficacia para a sua contribucion ao fin desexado.
Finalmente, abordouse o acondicionamento de viais, tratouse a necesidade urxente de acondicionar e asfaltar o tramo final do vial 6 en dirección á antiga feira do gando, demanda que se ven reiterando en últimas reunións. En relación a isto, acordouse arranxar aquelas zonas máis deterioradas na maior brevidade posible.