A cooperación entre Xunta e ACCEM permite atender no Carballiño a mulleres vítimas de trata ou explotación sexual
A colaboración que mantén a Xunta con ACCEM permitiu prestar atención a 65 mulleres vítimas de trata ou explotación sexual da Coruña (25), Vigo e Tui (25), Lugo (10) e O Carballiño (5). A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza co responsable adxunto territorial en Galicia de ACCEM, Daniel Bóveda, para avaliar as iniciativas deste colectivo que apoia a Administración autonómica e coas que se ofrece ás mulleres un acompañamento especializado, baseado nas súas necesidades específicas e desde un enfoque fundamentado na defensa dos dereitos humanos, de xénero e de interculturalidade.
Entre as actuacións que apoia a Xunta, destaca o convenio de colaboración que a Consellería de Emprego e Igualdade asinou o pasado ano con esta asociación e outras oito que conforman a Rede Galega contra a Trata (cada entidade recibiu 7.000 euros) e que traballan para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade. Esta cooperación vén desenvolvéndose no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e ten por obxecto cubrir as necesidades básicas e puntuais das vítimas, agravadas pola pandemia. En concreto, ofrécese, nos casos de urxente desamparo, un apoio de emerxencia en materia de aloxamento, alimentación, hixiénico-sanitaria, de transporte ou de telecomunicacións.