Tarde horríbilis e de infortunio do Arenteiro ante un Pontevedra superior
Todo saíu ao revés para o Arenteiro no partido ante o Pontevedra, con dúas enormes afeccións que non se merecían que un árbitro chegado dende Asturias se cargase antes de tempo un partido exquisito de deportividade por ambos bandos sobre o terreo de xogo, pero deslucido pola actuación arbitral.
Cando o Pontevedra xa gañaba 0-1 e o Arenteiro tivera unha clara ocasión de empatar nun cabezazo de Uxío que se foi un chisco alto, o trencilla expulsou con vermella directa ao local Adrián Cruz, que tras cometer unha falta, na caída pisou ao futbolista do Pontevedra, para o árbitro foi motivo de expulsión cando se xogaba o minuto 40 de partido. Deixou ao Arenteiro con 9 xogadores sobre o campo mediada a segunda parte por expulsión a Pol Bueso, que viña de reclarmarlle un penalti na área pontevedresa. Co 1-4 no marcador engadíu 7 minutos de desconto, un detalle que recrimiron dende a grada. Segunda arbitraxe consecutiva con polémica en Espiñedo, tras a sufrida no partido co Arousa.
A marxe da calamitosa arbitraxe, o Pontevedra foi xusto vencedor e xustificou a súa candidatura ao ascenso de categoria cun equipo que dominou o xogo en todas as súas fases. O Arenteiro, que viña de seis partidos sen perder, tivo unha tarde na que todo se lle torceu, e non xa polas expulsións que o deixaron en inferioridade numérica, senón as lesións do gardameta Diego García e o dianteiro Uxío, a deste último parece a máis preocupante, podería ser de gravidade según as primeiras estimacións médicas.
CD ARENTEIRO: Diego (Iago, min.48), Ger, Pol Bueso, Pibe (Cassio, min.73), Álex Fernández (Portela, min.73), Renan, Adrián Cruz, Raúl (Sobrido, min.48), Joseca, Eimil e Uxío da Pena (Markitos, min.48).
PONTEVEDRA CF: Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre (Samu Santos, min.77), Samu Araújo (Oier Calvillo, min. 80), Miguel Román (Javi Rey, min.77), Yelko Pino (Romay, min.77), Álex González, Rubio, Brais Abelenda e Charles (Rufo, min.56).
Árbitro: Francisco García Riego, auxiliado nas bandas por Mier Rodríguez e Quirós Pérez (Comité asturiano)Amoestou a Renan e Joseca no Arenteiro e a Charles e Seoane no Pontevedra. Expulsou no Arenteiro a Adrián Cruz (min.40) e a Pol Bueso (min.70) por vermella directa, e tamén mostrou vermella directa ao delegado local, Chechu. Goles: 0-1 Álex González (min.24); 0-2 Seoane (min.44), 0-3 Rubio (min.72); 1-3 Sobrido (min.75); 1-4 Rufo (min.87); 1-5 Seoane (min.94)
INCIDENCIAS: 1.500 espectadores no estadio de Espiñedo, gardouse un minuto de silencio en memoria dos falecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo.