O concello do Carballiño promoverá a creación dun "Parque Temático da Auga" financiado polo "Ourense Provincia Termal", asi o anunciou o alcalde Fumega.

22, Febreiro 2022

O proxecto tomará forma para a súa execución no bienio 2022-2023, e na súa redacción xa traballan os técnicos para a súa presentación no Plan de Sustentabilidade Turística que conta cun orzamento de máis de 3 millóns de euros para desenvolver actuacións en cada un dos 15 municipios da provincia que forman parte do "Ourense Provincia Termal" promovido pola Deputación.

O alcalde Francisco Fumega avanzou que a proposta que presentará o concello carballiñés consistirá na creación dun parque temático da auga, para o que se está a buscar a mellor ubicación posible e que dotará a O Carballiño dun novo recurso turístico, neste caso poñendo en valor a riqueza termal e das augas mineromedicinais do municipio. O proxecto terá un carácter no que alternará o didáctico co lúdico.

Fumega tamén avanzou que outras actuacións que se levarán a cabo con cargo a este plan terán que ver coa mellora da accesibilidade "como nesa fonte de auga mineromedicinal que temos no río Arenteiro na zona do parque", que se encontra situada en terreos privados, aínda que o alcalde asegurou contar coa colaboración dos propietarios para poder acondicionar esta zona.

O Plan “Ourense Provincia Termal” é un dos 23 proxectos elixidos de entre as 301 candidaturas presentadas na convocatoria ordinaria do 2021 dos Plans de Sustentabilidade Turística. A través dun convenio entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, este proxecto permitirá investir máis de 3 millóns de euros nos 15 concellos que participan deste plan dos que 9 son concellos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro, abrindo un novo escenario para a provincia como destino turístico grazas tamén á chegada da alta velocidade.