Empresas do parque industrial do Carballiño estudan o cese temporal da actividade acollendose a ERTE ou vacacións, ante o desabastecemento de subministros e a desmesurada subida de prezos de electricidade e carburantes.
Empresarios do parque empresarial e industrial do Carballiño mostran, a través da Asociación da Área Industrial (AICA), a "gran preocupación pola situación actual". A subida dos prezos da electricidade e os carburantes e a invasión a Ucrania están a producir unha situación crítica que esta poñendo contra as cordas ao tecido empresarial da área industrial.
O primeiro punto no que coinciden é "tanto a suba dos prezos xeneralizados, con especial importancia os carburantes e a enerxía eléctrica, e a consecuente repercusión nos prezos aos seus clientes, viñan sendo situacións difíciles de sortear, pero que se viron agravadas sensiblemente polos acontecementos das últimas semanas. Indican que os incrementos de prezos na produción están obrigándoos a repercutir os sobre costes, que en moitas ocasións non son aceptados polos usuarios finais, coa consecuente perda de beneficios", manifestan.
Por outra banda, o conflito que afecta a Ucrania, país provedor de materias primas de máis dunha empresa do parque empresarial, está a producir efectos devastadores nos subministros. O aceiro, material co que traballan varias empresas dedicadas ao sector do metal, ven na súa maioría, de Mariupol. Tamén hai problemas con outro tipo de materias primas que proveñen directamente deste país, como o vidro e varios produtos do sector da alimentación, o que se ve traducido na perda de provedores e clientes.
Aos dous puntos anteriores, súmase a recente folga convocada polo sector do transporte, feito que produciu un gran desabastecemento de produtos e materias primas. Durante varias semanas deixaron de entrar e saír camións, coa consecuente paralización da actividade produtiva na maioría dos sectores. Aínda que parece que parte do transporte se foi reactivando estes días en Galicia e o paro suavizándose, a actividade no polígono dista de atoparse nunha situación normal. Isto débese a que moito do material que reciben as empresas da área industrial do Carballiño ven doutras zonas de España ou polígonos industriais de fora de Galicia, que aínda se atopan pechados pola folga.
Ante tal panorama, varias empresas están pensando en parar temporalmente a súa actividade, facendo uso das vacacións ou dos ERTE. Aínda que ven positivo o paquete de medidas adoptado polo Goberno, consideran que é insuficiente, e todos coinciden en que se necesitan medidas urxentes e efectivas para frear esta situación.