Entra en vigor a modificación da ordenanza municipal reguladora, que permite á hostelería do Carballiño a instalación de terrazas cubertas
Ao non se ter presentado alegacións durante o prazo de exposición ao público, queda automaticamente elevado a definitivo o acordo plenario inicial aprobatorio da modificación da Ordenanza reguladora da instalación de terrazas, na vía pública, anexas a establecementos de hostalería no municipio do Carballiño, cuxo texto modificado se publica, para o seu xeral coñecemento.
A modificación da Ordenanza reguladora da instalación de terrazas, na vía pública, anexas a establecementos de hostalería realizada supón a modificación do segundo parágrafo do artigo 17.1 a), modificación dos anexos, a introdución de texto novo no artigo 13, xerando o 13.6 e artigo 14.4 engadíndose un segundo parágrafo, así coma a recolocación do texto do artigo 30.2 no artigo 33, creándose o 33.3. O texto definitivamente aprobado é o que segue:
Artigo 13 engádese o “13.6. Posibilidade de instalación de toldos móbiles:
Serán admisibles os toldos de instalación illada (toldos móbiles) ou toldos centrais sen ancoraxe á parede, cuxo material predominante sexa a lona nas formas enrolables/pregable.
Serán móbiles, desmontables, resistentes ao envorco e sen fixación ao chan. A altura mínima dunha instalación illada é de 2,20 metros e a máxima 3,00 metros.
Nesta estrutura só se permitirá a instalación de proteccións laterais, prohíbense os pechamentos frontais. As características do resto de elementos de protección lateral serán os recollidos no artigo 14 da ordenanza reguladora existente, excepto nos toldos laterais nos que nestas estruturas deberán ser transparentes, podendo levar parte opaca que non superarán os 70 cm desde o chan.
Este tipo de toldo, implica unha autorización especial segundo a zona de localización, xa que pola súa dimensión non é factible colocalo en calquera terraza.
Deberase entregar xunto coa solicitude de licenza unha memoria técnica asinada por técnico competente e un certificado técnico de calidade que garanta a seguridade da instalación.
O Concello poderá permitir ou esixir pola súa idoneidade o desprazamento destes elementos fóra da fachada do establecemento cando se trate de prazas públicas, para buscar a mellora da circulación peonil e para garantir, en todo caso, a zona libre de paso peonil.
Queda prohibida a instalación de publicidade excepto nos faldróns do toldo. Unha vez finalizado o horario de funcionamento da terraza, o toldo deberá permanecer recollido. Os toldos, en todo caso, nunca poderán supoñer unha obstrución visual para o tráfico de vehículos e peóns; xa sexa reducindo ou impedindo a visibilidade ou a visión directa dos sinais de tráfico.
Prohíbese calquera motivo ornamental colocado no interior deste tipo de estruturas ou similares que obstaculice ou reduza
a visibilidade. En ningún caso está permitida a instalación de cables eléctricos de ningún tipo sobre o chan da vía pública, nin de carácter
aéreo.
No caso de instalación de luminarias e/ou estufas de alimentación eléctrica, nos que se require unha instalación de subministración eléctrica, só está permitida a súa colocación na fachada do edificio, ou ben integrada na estrutura de cerramentos ou parasoles, se a terraza estivese equipada con tales elementos.
Nestes casos, a instalación eléctrica estará deseñada de forma que poida ser desmontada de forma rápida e sinxela polo titular, co fin de non dificultar de ningún xeito a operación de desmonte do elemento de pechamento ou parasol sobre a que está instalada.
Co fin de manter o paso peonil libre de obstáculos xunto á fachada, ningún compoñente das estufas fixadas a este paramento poderá estar situado a unha altura inferior de 2’20 metros.
Só se autorizará unha estrutura por establecemento. A concorrencia de máis dun toldo por zona será de especial estudo
dadas as dimensións das estruturas (distanciamento entre estruturas, valoración do impacto do pechamento aéreo con estes
elementos de sombra…)”.
“Artigo 14.4 segundo parágrafo: “Os sinais de tráfico serán vistos de forma directa, é dicir, nunca a través dunha parte
transparente do toldo xa sexa de plástico, vidro ou calquera outro material; co fin de evitar que por sucidade, bafo,
cegamento ou calquera outro factor que reduzan ou impidan a visibilidade”.
“Artigo 17.1 a) segundo parágrafo: con carácter excepcional, poderase autorizar a colocación das terrazas fóra da marxe frontal do establecemento, suposto no que se presentará autorización expresa e por escrito do titular da actividade afectada (local baixo/soto) e do propietario do ben inmoble (local baixo/soto).
Esta autorización producirá efectos para futuras autorizacións, en tanto non sexa revogada expresamente pola persoa autorizante.
Artigo 30.2 recolócase no artigo 33.3 quedando da seguinte maneira “artigo 33.Réxime sancionador.
1. O incumprimento das disposicións desta ordenanza poderá dar lugar á comisión dalgunha ou de varias das infraccións que se recollen no artigo 37, en cuxo caso se tramitará o correspondente expediente sancionador para depurar a responsabilidade administrativa que poida terse incorrido.
2. Con independencia do réxime sancionador establecido nesta ordenanza, cando os incumprimentos detectados constitúan infracción urbanística, medioambiental, en materia de ruído, prevención de drogodependencias, protección de menores, protección do consumidor ou de calquera outra índole, depuraranse as responsabilidades en que poida terse incorrido conforme coa normativa sectorial que resulte de aplicación.
3. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario pero estea xustificada a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario polo presunto responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará a terminación do procedemento, salvo no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e prexuízos causados pola comisión da infracción.
Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará unha redución do 50% sobre o importe da sanción proposta. A citada redución deberá estar determinada na notificación da incoación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso na vía administrativa contra a sanción.”