Desembarco socialista no Carballiño a un ano vista para a celebración das eleccións municipais de 2023
O parque municipal do Carballiño foi o escenario elixido polo PSdeG-PSOE para celebrar este sábado o acto "A forza das voceiras e voceiros por Ourense", coa vista posta xa nas eleccións municipais de maio de 2023.
Unha xornada na que exerceu como anfitrión o alcalde carballiñés Francisco Fumega, a quen os dirixentes do socialismo galego puxeron "como exemplo e alcalde de referencia para PSdeG". Tanto Fumega, como o Secretario Provincial Rafael Villarino e o Secretario Xeral do PSdeG Valentín Formoso coincidiron na súa mensaxe "estamos a gobernar o 62% da poboación galega, unha poboación emprendedora da Galicia do futuro, que xa está aquí, hoxe debemos lanzar unha mensaxe de optimismo e de futuro, tamén na provincia de Ourense deixando atrás o pasado, deixando atrás o baltarismo".
No coloquio “O poder municipal en feminino” tomaron a palabra Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Alberto Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa e as sete alcaldesas socialistas da provincia ourensá: Raquel Bautista (Petín), Patricia Domínguez (Trives), Isabel Gil (Ramirás), Elvira Lama (Xinzo de Limia), Noelia Rodríguez (Ribadavia) e Sara Inés Vega (Castro Caldelas). Posteriormente, intervíu Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Femp. Pechou a xornada Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, presidente da Deputación de A Coruña e secretario xeral do PSdeG.