Pachi Vázquez "promove a creación da Asociación para a Defensa do Asilo", anuncian dende Espazo Común.
Recordan dende Espazo Común que "esta iniciativa foi acordada na reunión mantida coa veciñanza o pasado mes de marzo e estará aberta a todos aqueles que queiran integrarse", e fan fincapé na finalidade desta futura asociación, que será "garantir a transparencia na xestión do Asilo e na xestión do patrimonio legado polos Irmáns Prieto".
"O escurantismo por parte das institucións responsables impón a toma de accións urxentes", aseguran, ao entender que "van alá dous anos dende que se comezou a preguntar nas sesións plenarias pola situación do Asilo do Carballiño e polos drásticos cambios que se están a producir na súa forma de xestión, dous anos nos que por parte das institucións responsables non se recibiron máis que evasivas e o mostras do máis absoluto escurantismo".
Consideran que "a preocupación da cidadanía do Carballiño foi medrando, vendo como se ía destruindo un legado histórico para transformalo tan só nunha residencia privada. Despoxando a un símbolo local de todo o seu significado e razón de ser. Despois dunha manifestación e de diversos compromisos incumpridosno referente á entrega de documentación, a día de hoxe, seguimos sen ter visto unhas soas contas e seguimos con moitas dúbidas sobre a titularidade das moi valiosas propiedades legadas pola familia fundadora".
Espazo Común concede ao veterano politico carballliñés especial protagonismo na creación desta nova asociación "Pachi Vázquez promove a creación da Asociación para a Defensa do Asilo do Carballiño, a iniciativa nace coma un lugar de encontro onde todos aqueles que estean preocupados polo presente e o futuro dunha institución tan importante para o noso pobo, poidan traballar en positivo para a súa recuperación", subliñan neste comunicado.
Nos vindeiros días, avanzan que faráse unha convocatoria pública "para que quen o desexa poida integrarse e formar parte da mesma".