A Deputación colabora co proxecto de desenvolvemento termal do Bañiño de Punxín, no que está previsto un investimento de 150.000 euros.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comprometeuo apoio do goberno provincial “a un dos grandes eixos de desenvolvemento de Punxín como é o termalismo”, colaboración que se concretará co futuro financiamento de diversas actuacións na área termal do Bañiño. Manuel Baltar fixo este anuncio tralo encontro que mantivo na Casa do Concello co alcalde, Manuel Vázquez, ao que acompañaban o tenente alcalde, Eulogio Gómez, e a concelleira Diana Sulleiro.
Manuel Baltar repasou cos membros do goberno local as actuacións realizadas nos últimos anos en Punxín co apoio da Deputación, “executadas a través da liña de colaboración que mantemos aberta”, dixo o presidente do goberno provincial, así como tamén outros proxectos de futuro relacionados con infraestruturas viarias, en particular vías provinciais e municipais, ou unha aula de atención temperá para os escolares máis pequenos.
Pola súa banda, Manuel Vázquez agradeceu o apoio do presidente da Deputación, “que sempre demostrou durante estes once anos como alcalde”. Unha colaboración que dixo estar seguro que continuará, “e por iso presentamos proxectos para máis obras, como o acondicionamento do campo da festa”, espazo que tamén visitou esta mañá Manuel Baltar.
Na zona do Bañiño, o alcalde explicou os novos traballos que proxectan para esta área, despois de adaptar o espazo -desenrolado durante os últimos anos co apoio da Deputación- aos requirimentos da nova normativa termal.
As novas obras perfiladas suporían o investimento de aproximadamente 150.000 euros, cantidade que o goberno municipal espera conseguir cunha achega da Xunta de Galicia máis o apoio económico xa comprometido da Deputación e que alcanzaría o 30% do total. Entre as dotacións previstas figuran a ampliación do aparcadoiro, sinalización de accesos, instalación de alumeado público, accesos a persoas con discapacidade, baños e unha caseta para o vixilante.