A Deputación asume o financiamento para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde de Boborás, cunha aportación de 186.000 euros
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial asumirá o financiamento do proxecto de humanización dos terreos nos que se construirá o novo centro de saúde do concello. Segundo reflicte o documento, a Deputación achegará algo más de 186.000 euros para as obras, de cuxa execución farase cargo o concello.
Manuel Baltar enmarcou este acordo “na cooperación que impulsamos desde o goberno provincial cos concellos para a dotación de equipamentos”. Neste caso, engadiu, un centro de saúde “que permitirá poñer a disposición da veciñanza os mellores servizos sanitarios”.
Patricia Torres remarcou pola súa banda “a resposta sempre positiva do presidente da Deputación cara as nosas peticións, sexan grandes ou máis pequenas”. Unha disposición que agora “tradúcese na humanización do espazo no que se asentará o primeiro centro de saúde previsto no novo plan de infraestruturas sanitarias de Galicia”.
O convenio asinado por Manuel Baltar e Patricia Torres establece que a Deputación achegará 186.180 euros, divididos en tres anualidades, para a humanización e dotación de servizos nunha parcela de máis de 6.200 metros cadrados, cuxa expropiación tamén foi xestionada pola Deputación. A achega permitirá construír un aparcamento con 70 prazas, accesos para vehículos e persoas, redes de abastecemento e saneamento, subministro eléctrico, rede de telefonía e alumeado público.
O novo centro de saúde de Boborás substituirá ás actuais instalacións, construídas hai 32 anos e situadas nun inmoble onde comparte espazos con outros servizos municipais. Co futuro centro ampliarase un 40% a superficie construída, en comparación co actual centro, pasando a ocupar 650 metros cadrados. Neste espazo haberá unha área específica para a consulta do programa da muller, ademais dunha sala polivalente para atender casos urxentes ou a realización de técnicas, así como unha sala para patoloxías respiratorias. Os profesionais tamén gozarán de mellores instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén, e dúas consultas de medicina xeral e outras dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais do Sergas.