A Deputación renova o patrocinio ao CD Arenteiro para difundir o "Ourense, provincia termal"
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Club Deportivo Arenteiro, Argimiro Marnotes, ao que confirmou a renovación do patrocinio do equipo carballiñés a través do programa Ourense, provincia termal, “pois ninguén mellor que este club para promocionar o termalismo da provincia e, de modo singular, da vila termal por excelencia”, afirmou Baltar. Un apoio que se estende á renovación integral do céspede que xa se está a executar no estadio de Espiñedo.
O presidente do goberno provincial felicitou a Argimiro Marnotes “pola fenomenal tempada dun club cuxo futuro se escribe con maiúsculas”, recoñecemento que trasladou tamén a unha afección “que mostrou durante todos estes meses unha gran ilusión, converténdose nos seguidores do club máis representativo da provincia”.
O presidente do CD Arenteiro expresou en nome do club o agradecemento ao presidente provincial e á Deputacion pola renovación do patrocinio, destacando o impacto que tivo no partido da Copa do Rei ante o Valencia en decembro pasado: “O lema Ourense, provincia termal foi visto por máis de 700.000 espectadores e por máis de 2 millóns de internautas que accederon ata o momento ás imaxes do partido a través da redes”.
Tamén se referiu Marnotes á renovación integral do céspede de Espiñedo, “que permitirá contar ao equipo cunhas renovadas instalacións deportivas nun dos aspectos clave para un equipo de fútbol como é o propio campo, que agora será o axeitado para un club da Segunda Federación”.