Cine infantil, galego, estreas, sesións nocturnas ao aire libre, masterclass, e fin de festa musical nas Xociviga 2022, do 27 ao 31 de xullo.
O cinema de verán volve ao Carballiño a cargo das Xociviga (Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia) que presentan xa a súa programación completa para a súa XXXVIII edición, do 27 de xullo ao 31 de xullo. A programación foi presentada nun acto na casa do concello no que participaron o concelleiro de cultura Diego Fernández, e os responsables de organización Flavia Rodríguez e Daniel Filloy, respectivamente, presidenta e vicepresidente da asociación cultural Xociviga.
Durante as mañás, os máis pequenos teñen cita ás 11:00h no Auditorio do Carballiño no Ciclo de Cinema Infantil cos títulos de Lunáticos (2021), Ainbo (2021) e Valentina (2021). Polas tardes, no mesmo lugar, ás 19:00h atopamos títulos de éxito nacional e novidades como El Buen Patrón (2021), Tres (2021), La Voluntaria (2022) e Cinco Lobitos (2022). Para acabar cada xornada, volve o Cinema ao aire libre na Praza da Veracruz ás 23:00 con Espíritu Sagrado (2021), ¿Qué hicimos mal? (2021), Jacinto (2021) e Malencolía (2021).
O festival amplía o seu apartado formativo con dous masterclass ao cargo de directores de relevancia nacional: o día 28 de Julio ás 12:00 con Chema García (Espíritu Sagrado) e o 29 de Julio ás 12:00 con Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?). Ambos falarán sobre o proceso creativo e produción das súas películas. A estas poderase asistir de forma gratuíta na Casa da Cultura ou a través da plataforma de Twitch. Todas as películas serán gratuítas, excepto El Buen Patrón cunha entrada de 1€.
O domingo 31, as Xociviga proxectarán ás 18:30 no auditorio carballiñés as curtametraxes seleccionadas do concurso de curtas, coa posterior entrega de premios ás 22:30 na Praza da Veracruz. Para pechar, sesión de concertos co grupo Abuela te quiero ás 23:30 e a DJ Emedj á 1:00 da madrugada, tamén na praza da igrexa.