Institucións e patrocinadores celebran a internacionalidade da Festa do Pulpo como "un estímulo para seguir agrandando unha manifestación que homenaxea unha tradición ancestral"
O salón de actos da casa do concello acolleu o acto de presentación do programa e o cartel promocional da festa, deseñado por Ari Quintas para esta edición número 60 e no que faise un guiño ao Xacobeo e intégranse todos os elementos que conforman a preparación do pulpo á feira. O programa de actividades converterá as prazas da vila no escenario de concertos, festivais de corais, danza, cine, monicreques, verbenas, exhibicións folclóricas e exposicións, entre outros actos.
“O Carballiño está a cumprir un soño”. Así o destacou o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, facendo referencia á declaración de interese turístico internacional que acadou a Festa do Pulpo e que chega na edición número 60 para devolver a ilusión por esta celebración a todo un pobo. Despois de dous anos nos que os festexos tiveron que adaptarse á pandemia, a programación recuperará a súa esencia, destacando como día grande o domingo 14 de agosto e a preparación da tapa máis grande do mundo, prevista para o día 9. Dacal insistiu na importancia da distinción: “Supón un pulo extraordinario e un aliciente para seguir traballando no engrandecemento desta manifestación gastronómica e cultural que rende homenaxe a unha tradición ancestral”.
Na mesma liña manifestouse o alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, agradecendo “o traballo de todo o pobo e o apoio dos patrocinadores, xa que sen eles isto non sería posible”. Tamén quixo brindar todo o protagonismo aos pulpeiros e insistiu nas gañas que teñen os veciños e veciñas de disfrutar uns festexos como os que se recordan.
O recoñecemento da Festa do Pulpo coa declaración de interese turístico internacional chega “nun momento crucial”, tal e como o sinalou Manuel Arias, secretario da Subdelegación do Goberno, que tamén insistiu “no bo traballo do Concello na tramitación do expediente, pois precisa de requisitos que non son doados de alcanzar”. Tamén recordou que onte mesmo se publicou no Boletín Oficial do Estado dito expediente.
Pola súa banda, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, felicitou ao Concello e a todo o pobo pola festa e sinalou que o recoñecemento recentemente acadado “é unha gran responsabilidade, pois é un escaparate a nivel internacional”. Castro tamén agradeceu o guiño que se fai no cartel deste ano ao Xacobeo, xa que o pulpo semella a concha de vieira que simboliza o Camiño de Santiago. Neste traballo artístico, realizado por Ari Quintas, intégranse todos os elementos que conforman a preparación do pulpo á feira.
A deputada de Cultura Patricia Torres denominou á do Pulpo como “a festa das festas” e auguroulle “un gran éxito a esta edición”.
A presentación foi un exemplo de colaboración público-privada entre institucións e cos patrocinadores, tal e como subliñou a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro. No acto tamén estivo presente o deputado nacional e portavoz da Comisión de Industria, Comercio e Turismo, Adolfo Pérez, e a xerente do Inorde, Emma González.