O Carballiño posiciónase como destino turístico da Galicia do interior, con previsión de ocupación hoteleira plena para o mes de agosto.
O sector turístico toma alento no Carballiño, proclaman dende o concello carballiñés, ao facer un balance dos meses de xuño e xullo e unha previsión para o próximo agosto, que é por excelencia o gran mes vacacional tamén no Carballiño.
Non obstante, recoñecen dende o concello que "a vaga de calor provocou a cancelación de reservas a última hora, as cifras de ocupación hoteleira recupéranse e superouse o 80 % de media entre os meses de xuño e xullo, se ben chegouse puntualmente ao 90%. A previsión é acadar ao 100% en agosto, mes de vacacións por excelencia e cando a Festa do Pulpo estrea a denominación de interese turístico internacional".
Cífrase en preto de 20.000 o número de persoas que xa participaron nas actividades culturais das últimas semanas, destacando pola gran afluencia de público a Feira Medieval, o Entroido de Verán e o concerto de Heredeiros da Cruz. As propostas culturais incrementaranse nos próximos días, non só ao redor da celebración gastronómica senón ata finais do mes de setembro con diferentes iniciativas.
No relativo ao número de persoas que se achegaron a Oficina de Turismo, a cifra a día 27 de xullo superaba os 200 visitantes e seguirá medrando esta fin de semana, o que xa supón un incremento en relación ao 2021 e o dobre en comparación co 2020. A maioría procedían doutros puntos da comunidade galega e do territorio nacional, se ben tamén destacan os turistas de Francia e México. No cámping Arenteiro foron un total de 60 os turistas españois rexistrados, fronte ao medio cento de estranxeiros chegados de diferentes puntos do mapa como Holanda, Alemania, Reino Unido, Estados Unidos, Francia, Italia, Portugal ou Bélxica.
O retorno de emigrantes faise patente nas cifras de turismo do Carballiño, convertendo a vila nun dos destinos preferentes para pasar os meses de verán na Galicia interior.