Promoven no Irixo unha charla informativa de "Ventonoso" sobre a enerxía eólica sostible. Na comarca proxéctanse 8 novos parques eólicos.
Veciños do concello do Irixo organizan unha charla informativa sobre a enerxía eólica sostible, que terá lugar este xoves dia 18 de agosto ás 20:00 horas na casa do concello.
Na mesma participarán Jacobo Feijóo do Sindicato Unións Agrarias, e José Antonio Diéguez de "Ventonoso" un colectivo de propietarios afectados a nivel galego pola implantación de novos parques ao abeiro do novo plan eólico, que contempla no caso do Irixo e o resto dos concellos da comarca carballiñesa a creación de 7 novos parques de tramitación autónomica e 1 de tramitación nacional.
Unha das veciñas do Irixo que promoveron a celebración deste acto informativo, Helena Iglesias, explicou que ante a falta de información existente sobre a nova lexislación en materia eólica e o novo plan eólico e a inquietude xerada entre veciños e propietarios afectados "acercámonos a Valentín Formoso, o Secretario Xeral do PSdeG, pedímoslle axuda, e púxonos en contacto con outras persoas para traballar na organización desta charla, e polo menos estar informados".
Defenden a enerxía eólica como unha boa oportunidade para o rural, sempre que sexa respectuosa e non "o que vemos que está a suceder, que é claramente unha especulación", subliñou esta veciña afectada por un dos proxectos previstos.
Nesta charla abordaránse os aspectos máis relevantes da nova lexislación, os diversos datos técnicos, os contratos coas empresas promotoras, e as problemáticas derivadas da proximidade dos parques eólicos ás vivendas e os núcleos de poboación.