O Rally Pazo Tizón contará con 116 equipos participantes e agarda mobilizar a 30.000 persoas
Despois da afluencia de miles visitantes durante a primeira quincena de agosto con motivo da Festa do Pulpo, O Carballiño agarda unha nova fin de semana de afluencia masiva, neste caso con motivo do Rally Pazo Tizón.
A organización, integrada polas escudarías Amoeiro e JLB Motorsport, fixo públicos os datos de mobilización desta proba, para a que se inscribiron 116 equipos. A unha media de 6 persoas por equipo (piloto, copiloto, mecánicos e asistencia), so os participantes sumarán preto de 700 persoas.
Para o seu aloxamento foi preciso solicitar prazas en establecemos hoteleiros e casas de turismo rural de toda a comarca de Carballiño e de Ourense, dado que o rally comeza o venres e non rematará ata o sábado.
A gran parte do mesmo desenvolverase no Carballiño, onde estará o parque de custodia e se realizarán as verificacións técnicas e administrativas. Tamén o primeiro tramo da carreira será no Carballiño, mañá mesmo, mentres que o resto de tramos transcorrerán por carreteiras de Piñor, Irixo, Boborás, Leiro, Amoeiro, Cea e Maside.
A organización estima que serán arredor de 30.000 as persoas que mobilizará o Rally Pazo Tizón, entre participantes, forzas e corpos de seguridade, servizos de emerxencia, voluntarios e, sobre todo, público.
A hostalería, que xa o fin de semana pasado rexistrou facturacións récord con motivo da fin de semana do Pulpo, agarda de novo unha gran afluencia de xente.
Neste sentido, durante a presentación, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, mostrou a súa satisfacción porque esta nova edición da proba “dinamice non só O Carballiño, senón toda a comarca”. E na mesma liña se manifestou a edila de Turismo, Silvia Baranda, que amosouse convencida de que “achegaranse a Carballiño moitas persoas que volverán a encher a vila”.