O grupo de goberno considera inxustificadas as críticas á organización da Festa do Pulpo, a acusa a PP, Espazo Común e ao alcalde de Ourense "de facer pinza para atacar á festa"
O portavoz do grupo de goberno asina un comunicado no que Diego Fernández sae ao paso "ante as inxustificadas críticas do PP do Carballiño á última edición da Festa do Pulpo, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Carballiño manifesta o seguinte:
-Contrariedade porque o PP do Carballiño se amole ante a que foi unha das mellores fins de semana da historia de Carballiño, tanto en canto a afluencia de persoas como a volume de negocio para a hostalería en particular e o comercio en xeral. De feito, O Carballiño rexistrou cifras récord durante toda a semana, como dan fe deles os propios veciños e veciñas, tanto en número de visitantes como de actividades programas polo Concello. O dato dos miles de visitantes é especialmente relevante tendo en conta a coincidencia da Festa do Pulpo coa ponte do 15 de agosto, con festas tamén importantes en toda Galicia.
-Sorpresa porque o PP de Carballiño considere como algo negativo que a Festa do Pulpo recuperase o volume previo á pandemia, cando iso é algo do que todos deberiamos estar orgullosos e satisfeitos, pois supón cuantiosos ingresos para moitísimas familias da nosa vila e para a economía local. Contrasta coa relevancia que sí lle deron á festa tantos os medios nacionais (con amplas reportaxes en TVE, TVG, Telecinco, Antena 3, La Sexta ou Cuatro) como a repercusión internacional que tivo, que superou a de edicións anteriores a raíz da declaración de festa de interese turístico internacional.
-Perplexidade ante a alianza tácita e a pinza entre o PP do Carballiño, Espazo Común e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para atacar á Festa do Pulpo e ao Carballiño con exactamente os mesmos argumentos, reflectidos nas redes sociais, algo que non parece nin improvisado nin casual.
-En calquera caso, o goberno local de Carballiño e o PSdeG desta vila seguirán defendendo a Festa do Pulpo e a Carballiño por encima de calquera interese partidista e oportunista, ademais de traballar para que siga sendo unha referencia gastronómica xa non só nacional senón mundial.
-De feito, nada máis acabar esta edición, xa empezou a traballar na seguinte, que, non nos cabe ningunha dúbida, volverá ser a mellor edición da historia, por moito que lle pese ao PP, a Espazo Común e ao alcalde de Ourense.
Son os argumentos cos que o portavoz socialista rexeita as críticas da oposición e defenda a xestión do grupo de goberno socialista na organización da 60 edición da Festa do Pulpo celebrada a pasada semana.