Xuntos por San Amaro denuncia falta de transparencia e ocultación de información neste concello.
Despois de 6 meses sen convocar o Pleno Ordinario do concello do San Amaro, que por acordo da Corporación debera ter lugar o último xoves de cada trimestre, recibimos na mediodía do pasado xoves a convocatoria dun Pleno extraordinario con varias cousas que chamaban a atención. Dunha parte, a extensa Orde do día, en contraposición coa hora de inicio prevista na convocatoria (as 13.30 h.). Doutra, a ausencia de documentación acompañando a esta convocatoria, que mesmo nas oficinas municipais demorou en poñerse ao dispor da Corporación. E por outra, a ausencia dunha moción presentada polo noso grupo o pasado 21 de xuño para debater no Pleno municipal.
A moción trata sobre a transparencia e a transmisión da comunicación por parte do concello. E ven provocada polo feito ocurrido meses atrás de termos recibido -en paralelo á última convocatoria plenaria realizada polo alcalde- un escrito da A VV de Eiras no que solicitaba unha xuntanza para trasladarnos as súas reivindicacións veciñais... UN MES despois de ser presentado no Rexistro municipal.
Ao afondar no tema, descubrimos con preocupación que esta A VV tivera que ir varios días ao concello, provocado por 2 feitos:
1º Por non poder rexistrar un primeiro escrito dirixido ao noso GM, indicándoselle que tiña que ir dirixido ao Alcalde (contravindo un Regulamento que fala das solicitudes "cursadas polos veciños a calquera órgao do concello e mesmo a outros órgaos ou administracións").
2º As/os amarenses siguen tendo que pedir cita previa para poderen rexistrar calquera documento no concello (cando este protocolo xa fora retirado hai case un ano, o pasado 6 de outubro). Circunstancia agravada pola dificultade de contactar telefónicamente co concello do San Amaro nos últimos meses. Por outra parte, no pasado pleno de marzo, o meu grupo municipal sufriu a prohibición de gravar o Pleno, indicando o sr. Alcalde que "solicitase por escrito a intención de gravar previamente e que xa recibiriamos resposta". Estas palabras supoñen -ao noso ver- unha sorte de censura previa da obtención da información por parte do alcalde e deste goberno, que conculca os dereitos fundamentais á información e participación e, asemade, diversos preceptos da LBRL (art. 227.1) do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, ROFRXEL (arts. 153 e seguintes) sobre o carácter público das sesións; contradicindo mesmo a doctrina do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo que se teñen manifestado neste sentido. E aínda por outra, o actual alcalde leva meses obstaculizando o noso acceso á documentación municipal, mesmo contravindo o artigo 77 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local (Todos os membros das Corporacións locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.
A solicitude de exercicio do dereito recollido no parágrafo anterior terá que ser resolvida motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel no que se tivera presentado.) con respostas "estrañas" e sempre demoradas ás nosas solicitudes de consulta. Ante estes feitos, e a posibilidade de que se estea ocultando información ao noso Grupo Municipal, ou dificultando a acción do noso Grupo e das entidades veciñais, decidimos presentar a debate esta moción, na que requiriamos unha maior transparencia por parte do Alcalde e deste goberno tránsfuga, ao tempo que solicitabamos do concello cumpra e faga cumprir a lexislación en vigor, conforme ás súas atribucións, mais sempre sen prexudicar nin secuestrar os dereitos fundamentais da veciñanza do San Amaro através das/os seus representantes.
Asdo: Xuntos por San Amaro.