Xunta e concello asinan o convenio de colaboración para financiar obras de mellora no centro de saúde de San Amaro
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, acompañados polo Delegado Territorial de Ourense, Gabriel Alén, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destacar a reparación da cuberta, do falso teito e a remodelación dos aseos.
Abordarase a reparación da cuberta, que nestes momentos é de tella cerámica sobre placas de cemento ou correas deste mesmo material e na que unha alta porcentaxe das tellas presentan un estado de deterioro que aconsella a substitución global da mesma, non sendo posible a súa reparación parcial con substitucións puntuais. Tamén levarase a cabo o arranxo do falso teito do espazo central ademais da rehabilitación e a modificación dos actuais aseos para poder ofrecer un servizo adecuado ás necesidades dos pacientes facéndoos mais accesible e confortables.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de San Amaro contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.