A Deputación e os balnearios de As Caldas de Partovia, Laias, A Arnoia, Cortegada e Lobios lanzan a campaña "1.000 sesións balnearias a 1 euro"
A Deputación e cinco balnearios ourensáns lanzan a campaña “1.000 sesións balnearias a 1 euro”. “Con esta iniciativa innovadora e sen precedentes queremos promocionar a saúde a través da cultura termal”, explicou esta mañá Manuel Baltar no lanzamento da iniciativa en As Burgas, nun encontro mantido cos responsables dos establecementos participantes, todos os da provincia con piscinas de auga mineromedicinal de usos lúdico-terapéuticos: Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e Arnoia.
“A promoción posibilitará o goce dos balnearios a prezos moi alcanzables coa intención de que moitos das persoas residentes na nosa provincia que aínda non coñecen os nosos balnearios poidan facelo”, resalta o presidente da Deputación, que encaixa esta presentación no Día da Cooperación Europea (EC Day), “unha forma de resaltar a riqueza termal da provincia e a localización da maioría dos nosos balnearios en territorios considerandos pola UE como transfronteirizos, así como para visibilizar a contribución dos programas de cooperación europea ao termalismo provincial”.
Entre Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e Arnoia achegarán unha cifra inicial de 1.000 sesións balnearias que se distribuirán entre os meses de outubro e novembro, de luns a domingo, en diferentes franxas horarias e cunha duración entre 1,5 e 2 horas, en función do balneario.
A reserva das sesións balnearias poderá realizarse a partir do 29 de setembro a prezo especial único de 15 euros, importe sobre o que haberá códigos de desconto de 14 euros, quedando o prezo final en 1 euro. O acceso ás 1.000 prazas será por orde de solicitude e reserva, podendo tramitarse a través de internet.
Os códigos de desconto poñeranse ao dispor dos interesados de diferentes maneiras, a través de eventos ou redes sociais. Os códigos de desconto poderán utilizarse ata completar as prazas ofertadas na promoción, serán individuais e cada persoa poderá utilizar un código.
Toda a información sobre a promoción estará dispoñible en: raiatermalou.com/promocion
Ábrese o rexistro para a promoción, a entrega dos primeiros códigos desconto a próxima semana en Termatalia.
Para acceder á promoción “Sesións en Balnearios a 1 euro” será necesario unha inscrición previa a través de internet, que se poderá facer a partir de hoxe na dirección: www.raiatermalou.com/promocion
Os 250 primeiros códigos de desconto entregaranse o 29 de setembro en Termatalia. As persoas que visiten a caseta da Deputación de Ourense na Feira Internacional de Termalismo en Expourense e teñan interese na campaña de promoción recibirán o seu código de desconto ata esgotarse os códigos dispoñibles.
A Deputación de Ourense a través da área de Benestar habilita o teléfono 999317760 para responder a calquera consulta ou dúbida sobre a promoción termal.