A Deputación prestará apoio gratuíto aos autónomos da provincia para implantar unha ferramenta dixital de xestión de servizos e clientes
A Deputación de Ourense prestará soporte aos autónomos ourensáns para a implantación dunha ferramenta dixital gratuíta -Serviautónomo- que facilita o contacto con clientes en toda España e ofrece un amplo abano de servizos para a xestión diaria dos seus negocios. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, comprometeu o apoio da Deputación a esta iniciativa durante o encontro que mantivo no Pazo Provincial coa directiva da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos (AEPA) de Ourense, representada polo seu presidente, David Martínez, e o tesoureiro, Julio Vila, ambos acompañados polo director da firma responsable da aplicación, Ricardo Herrera.
Manuel Baltar aplaudiu un proxecto que "ofrecerá atención personalizada aos 23.000 autónomos da provincia, un sector empresarial e de emprendemento de gran importancia no noso territorio como así o reflicten os datos do Observatorio Económico Ourensán, e como tamén se puxo de manifesto durante un momento tan difícil como foi a pandemia".
O presidente do goberno provincial afirmou que hoxe, máis que nunca debido á situación económica e aos elevados custos de produción, "a Deputación ten que estar aí apoiando e colaborando cos autónomos na posta en marcha dunha nova ferramenta dixital que facilita a interconexión, o contacto cos clientes, a xestión económica e información permanentemente actualizada". Nesta liña, Manuel Baltar resaltou a "estreita colaboración" do goberno provincial con este colectivo, con fitos como a implantación de axudas directas para aliviar o primeiro impacto da crise derivada da pandemia.
Un soporte con perspectiva provincial para toda España
Para difundir esta nova ferramenta, o obxectivo é realizar accións formativas por toda a provincia de Ourense, favorecendo a capilaridade dun instrumento que busca acercar os servizos dos autónomos ourensáns a clientes de toda España.
Como presidente de AEPA Ourense, David Martínez agradeceu a cooperación da Deputación nun proxecto "que nos vai axudar moito, pois somos un dos colectivos máis afectados pola crise que atravesamos". Esta aplicación, dixo, "facilitará en todo momento o acceso aos servizos de calquera profesional, transformándose nun medio de gran utilidade para situar aos autónomos da provincia en calquera punto de España". Martínez resaltou a posta en marcha "no berce dun dos primeiros autónomos da historia: O afiador".
Serviautónomo cubre tres aspectos fundamentais no traballo dun autónomo, explicou Ricardo Herrera: a presenza en Internet; a creación dun rede de contactos con clientes; e a xestión diaria do seu negocio. A plataforma conecta dun xeito rápido e sinxelo ás persoas que buscan un determinado produto ou servizo cos profesionais máis próximos que lles poden axudar. Ademais de dispoñer dun espazo web propio para promocionar os seus produtos ou servizos en internet, o autónomo tamén pode xestionar desde o seu móbil a axenda de traballo, elaborar facturas, controlar operacións ou acceder a información sobre axudas ou normativas.