O Sergas agarda completar a redacción do proxecto do novo centro integral de saúde do Carballiño antes antes de fin ano, e proceder a licitación da obra a principios de 2023.
O Concello do Carballiño e o Servizo Galego de Saúde, Sergas, asinaron hai unhas semanas un protocolo inicial de colaboración para facer realidade o proxecto do que será o novo Centro de Saúde do Carballiño. O acto desenvolveuse o día 2 de agosto no edificio da Estación de Autobuses, espazo que será destinado a acoller o futuro centro sanitario de referencia para a vila e a comarca.
Para poder materializar a actuación e desenvolver o proxecto faise necesario, segundo se lle trasladou dende o Sergas ao Concello, que se introduzan unha serie de modificacións no PXOM. As mesmas teñen que ver coa modificación da protección da parcela onde se atopa o servizo, facéndose necesario mudar o cambio de uso, pasando do referido ao transporte (cualificación que ten na actualidade) a ser de uso sanitario.
Ademais, tamén se incluirá na proposta puntual sobre o PXOM que será levada a pleno a modificación referida ao volume de edificabilidade. Un aspecto que se fai necesario para que o Sergas poda desenvolver o proxecto que se quere construír no Carballiño. Coa actual normativa urbanística non se poderían crear o número de plantas, tres, que se fai necesario para poder acoller os servizos e instalacións que está previsto crear no Carballiño.
O novo Centro de Saúde do Carballiño contempla ocupar os máis de 4.000 metros cadrados da parcela para acoller as dotacións do novo centro e contar con máis espazo ao dispoñer dun maior volume de edificabilidade. As actuais dársenas serán transformadas para instalar alí os servizos que necesitan un acceso mediante ambulancias ou transporte sanitario e destinarase parte da mesma a crear un aparcamento. A consultas repartiranse polas tres plantas do futuro edificio. As previsións do Sergas pasan por contar co proxecto ao longo do que resta de ano e sacalo logo a licitación.