Un novo proxector, a reforma da iluminación e a cabina, melloran as prestacións do Auditorio do Carballiño. O concello, con axuda da Xunta, investíu 43.661 euros neste proxecto.
O Concello ven de rematar un proxecto de renovación integral dos equipos técnicos do Auditorio Municipal do Carballiño, o que supuxo a substitución de modelos que, nalgúns casos, xa se tiñan quedado obsoletos por uns de última xeración e contar cunha nova iluminación, máis axeitada ás necesidades das actividades que se realizan no Auditorio e, ao mesmo tempo, con tecnoloxía led para incidir no aforro enerxético.
No proxecto de contratación para o Subministro, instalación, configuración e posta en servizo dos equipos de imaxe e iluminación xunto ca renovación do cableado existente para o seu correcto funcionamento para o Auditorio Municipal investíronse 43.661 euros. Nos equipamentos de imaxe investíronse 29.461 euros, nos de iluminación 11.400 euros e no cableado de rede para medios dixitais 2.800 euros (en todos os casos co IVE incluído). Para este proxecto o Concello do Carballiño contou ca cofinanciación da Consellería de Cultura a través da liña de subvencións para o equipamento e mellora de instalacións culturais.
O Concello decidiu acometer a renovación integral dos equipamentos para contar coa dotación dos medios técnicos necesarios para acadar os sistemas axeitados de reprodución, sonorización e proxección de contidos audiovisuais en alta resolución de imaxe e calidade de son. Promoveuse a iniciativa ao ser conscientes de que a non realización destes traballos implicaría a deficiencia na exhibición dos espectáculos culturais por non contar con equipamento técnico axeitado.
No referido aos equipos de imaxe, e para acadar a maior versatilidade posible, procedeuse á instalación dun sistema proxector de alta calidade (cunhas características de luminosidade de 1600 Ansi Lumens) que soporta unha resolución mínima de 4K, sendo compatible con 8K, tecnoloxía láser con 3LCD.
A pantalla do Auditorio Municipal ten un tamaño de 8 x 4 metros e a distancia de proxección é de 30 metros, polo que se instalou unha nova óptica axeitada a estas características para mellorar as proxeccións.
No referido ao equipamento de iluminación traballouse en dous apartados. No que á iluminación xeral se refire acometeuse o cambio da iluminación convencional existente para mellorar as prestacións e promover o aforro enerxético. Daquela procedeuse a cambiar a iluminación convencional, tanto de focos fluorescentes como incandescentes de alto consumo, por unha opción máis sostible e de eficiencia enerxética, dotando así ao espazo da tecnoloxía LED. Ademais do aforro cóntase a partir de agora cunha maior calidade lumínica.
No que atinxe á iluminación escénica o obxectivo pasaba por dar resposta ás necesidades técnicas que demandan as compañías de teatro, os grupos de música, as produtoras e similares que utilizan o Auditorio Manuel María. O equipamento do espazo cultural carballiñés, cunha mesa de iluminación analóxica, estaba totalmente obsoleto. De aí que se optase por equipar ao Manuel María cunha Mesa de Iluminación Dixital para dar soporte aos aparatos que os usuarios do espazo utilizan para o seu traballo.
Coa renovación de equipos fíxose necesario contar cun novo cableado que estivese axeitado para a comunicación cos medios que se teñen que controlar e están situados no escenario. Os novos usos culturais, por exemplo as emisións en Streaming que se popularizaron durante a pandemia, fan que sexa necesario contar cunha conexión de datos de alta velocidade na cabina e no punto de control, instalando ademais outro cabo de rede CAT6 dende a planta baixa, onde se sitúa a Escola de Música e o Conservatorio, ata a cabina, dotándoa ademais dun punto de acceso sen fíos de alta calidade (tipo Mesh).
Coa decisión do Concello do Carballiño de renovar os equipamentos do Auditorio apóstase por potenciar un espazo cultural clave na provincia de Ourense, xa que o Auditorio do Carballiño acolle unha programación estable durante todo o ano que inclúe citas de teatro, música, danza, monólogos, cine, festivais, exposicións e outras iniciativas.