O concello do Carballiño presenta ao Goberno Central un proxecto para a mellora da N-541 entre os cruces da rúa Irixo e Toscaña, cun orzamento de 752.500 euros.
O Concello do Carballiño solicitará do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que acometa o proxecto de humanización da N-541 ao seu paso pola zona urbana da vila. O Concello redactou o proxecto de construción, que contempla un orzamento base de licitación de 752.500 euros, e agora será remitido á Secretaría General de Infraestructuras do referido Ministerio, para que se proceda a materializar a intervención.
A inclúe o tramo da N-541 comprendido entre os puntos quilométricos 26,745 e 27,713 (entre o cruce coa estrada de O Irixo e o cruce coa estrada de Astureses) e será trasladado ao Ministerio de Transporte para obter a financiación necesaria para a súa execución en base ao establecido na Orde TMA/1160/2021, de 8 de outubro, pola que se establece o marco para a celebración de acordos de entrega aos Concellos de vías urbanas da rede estatal. O Concello do Carballiño está en disposición de asinar o acordo co Ministerio e a cambio da execución da obra a administración local carballiñesa asumiría a xestión do tramo que comeza na glorieta onde se unen a AG-54, a N-541 e a Rúa Ourense (é dicir, dende a glorieta que está situada no punto quilométrico 25,175) e vai ata o final do presente proxecto, no punto quilométrico 27,713. Trátase dun tramo de 2.613 metros que na súa maior parte é zona urbana e que forma parte do entramado de rúas do núcleo urbano do Carballiño.
O proxecto encargado polo Concello define os traballos a realizar para acometer as obras de construción de beirarrúas e alumeado na N-541, entre os referidos puntos quilométricos. Tamén se contempla no mesmo a creación dunha glorieta na intersección da N-541 coa estrada O Carballiño-Astureses.
Polo que respecta a este cruce, no proxecto encargado polo Concello sinálase que existe unha intersección en cruz con carrís centrais de espera dunhas dimensións moi pequenas que non compren a normativa vixente. Tamén se incide no feito de que existe un tráfico local importante entre o núcleo do Carballiño e os de Longoseiros e Astureses que cruza a N-541, co conseguinte perigo para a seguridade vial. Da mesma maneira, recolle o proxecto, o tráfico dende a N-541 cara a e dende o núcleo do Carballiño é moi importante.
Coa construción da glorieta incluída no proxecto o que se pretende é substituír esta intersección co obxectivo de mellorar a seguridade vial dunha forma moi importante.
Doutra banda, segundo se recolle no documento, o tramo dende este punto (en dirección a Ourense) forma parte dunha importante ruta peonil que é empregada polos veciños do núcleo do Carballiño e que só conta cun pequeno tramo de beirarrúas na marxe esquerda e outro con beirarrúas a ambos lados ao inicio da obra proxectada. En ambos casos dun ancho máximo de 1,30 metros, o que non cumpre en absoluto a normativa de accesibilidade. Tamén existe un viaduto sobre o río Arenteiro: nesta zona hai unha varanda e unha barreira tipo , que dificilmente permite o paso dunha persoa entre ambas.
O tramo dispón de alumeado coincidindo coas beirarrúas existentes. O mesmo está formado por luminarias sobre postes de formigón armado, co perigo que iso representa para a circulación pola N-541. Ademais, as luminarias están totalmente obsoletas e teñen un consumo cada unha de 250 w, algo totalmente en desacordo coa normativa de eficiencia enerxética.
Segundo se recolle no documento que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes para a reforma e mellora deste trazado, as obras a realizar consisten na construción dunha glorieta de 22 metros de diámetro con centro no eixe da N-541. A intervención contempla a ampliación do firme existente para conseguir unha calzada anular de 7 metros de ancho cun arcén interior de 1 metro de ancho. O diámetro exterior da glorieta será de 33 metros. A ampliación divídese en catro sectores: dous na marxe dereita da N-541 e a ambos lados do vial que conduce a Longoseiros-Astureses e outros dous na marxe esquerda da N-541 e a ambos lados do vial que leva ao centro urbano do Carballiño.
No proxecto tamén se contempla a construción de beirarrúas, coa súa correspondente drenaxe, dende o inicio da obra ata pasada a glorieta. Tamén se realizará un alumeado de todo o tramo, con columnas e luminarias tipo LED.
O obxectivo do proxecto de actuación na N-541 que o Concello do Carballiño remitirá ao Ministerio de Transportes pasa por crear un itinerario peonil adaptado por ámbalas dúas marxes da N-541 e que cumpra na súa totalidade coa normativa de accesibilidade, agás no tramo do viaduto sobre o Arenteiro no que as limitacións físicas do taboleiro non permiten obter unha beirarrúa de máis de 1,50 metros.
O orzamento base de licitación das obras, segundo se recolle no proxecto encargado polo Concello do Carballiño, ascende a 752.500 euros. O capítulo de expropiacións está estimado en 16.527 euros e os traballos de conservación do Patrimonio (2% do Proxecto Base de Licitación) en 12.438 euros. O orzamento definitivo, para coñecemento da administración, sería de 781.465 euros.