O PSdeG esixe do concello e Deputación a mellora urxente da seguridade vial na estrada Leiro-Berán
O PSdeG-PSOE de Leiro esixe solucións “urxentes” para a estrada OU-0307, de titularidade provincial, despois de que no día de onte aparecese unha pedra de grandes dimensións no medio da mesma, por mor dun desprendemento. Os e as socialistas solicitan medidas para rematar con estes desprendementos, “frecuentes” nos últimos tempos, por mor da “deixadez” e o “abandono” desta estrada.
Dende a Agrupación Socialista de Leiro afirman que esta situación “non é nova”, pero a pesar de ter alertado ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e ao presidente da entidade menor de Berán, Avelino Carballal, en “numerosas” ocasións, ata o de agora non se tomou ningunha medida. Os e as socialistas denuncian que o desprendemento de onte “foi retirado polos propios veciños e veciñas que transitaban pola estrada, ante a inacción dos responsables desta vía, que é de titularidade da Deputación Provincial de Ourense”.
“Esixímoslle ao alcalde de Leiro e ao presidente da entidade menor de Berán que actúen dunha vez por todas e que reclamen á Deputación de Ourense unha solución urxente e definitiva a esta problemática”, explica o voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez. O edil do PSdeG-PSOE no municipio sinala que a actual situación desta estrada que une Leiro e Caldelas “é un perigo evidente para a integridade dos viandantes e dos vehículos que circulan pola mesma”.
O PSdeG-PSOE de Leiro lembra que en xullo de 2021, xa criticaron a “chapuza” levada a cabo pola Deputación e o seu presidente, Manuel Baltar, nesta vía de comunicación, despois de que se levase a cabo o pintado da mesma, pero onde se obviou as “graves” deficiencias que presenta, “con curvas sen asfaltar, fochancas e o perigo de desprendementos constante por mor do mal estado da contorna”.
Rodríguez Vázquez insta aos responsables políticos de Leiro e Berán a que “se poñan as pilas” e esíxelles que “actúen a maior brevidade posible e non agarden a que aconteza a unha desgracia e despois sexan todo lamentacións”. Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro tamén pide que se “arranxe as curvas e se mellore a seguridade viaria para que a veciñanza poida transitar por unha estrada segura e non por un vial máis propio dunha zona de guerra”.
A Agrupación Socialista de Leiro vén de contrastar novamente o “absoluto desleixo e o abandono reiterado” da estrada con obras “sen completar e nun perigoso estado”, tal e como se aprecia en curvas sen asfaltar. Esíxenlle ao PP que “amose máis interese pola veciñanza de Leiro e Berán”, xa que tal e como apuntan “de pouco serve prometer cando chegan as eleccións, se despois non solucionan os problemas reais da veciñanza”.