O concello do Carballiño destina 153.397 euros para a humanización das rúas Caravel e Loureiro, no barrio de Flores
O Concello do Carballiño sumará unha nova proposta de actuación ao programa de recuperación e posta en valor do barrio que deu orixe á vila. A intervención desenvolverase nas rúas Caravel e Loureiro e vén a dar continuidade aos traballos que se iniciaron hai ano e medio coa reforma e mellora do entorno da rúa Mirto, no barrio de Flores.
O proxecto de humanización das rúas Caravel, travesía Caravel, pasaxe Caravel e rúa Loureiro foi redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas Nogueiras, e o obxectivo de dito proxecto pasa por definir o trazado e características do acondicionamento dos pavimentos, a renovación da rede de abastecemento de auga e de alcantarillado, xunto coa nova rede e varios sumideiros de augas pluviais, por tratarse de tramos antigos de fibrocemento (no caso da auga) e de formigón deteriorado (no caso do alcantarillado) e posterior reposición de bases e pavimentos das beirarrúas e das calzadas, nas citadas vías públicas do núcleo urbano do Carballiño.
A actuación nesta zona do barrio de Flores promóvese debido á necesidade de renovación debido ao mal estado das redes de abastecemento e de alcantarillado.
Para a humanización e posta en valor desta nova área de Flores procederase a levantar o actual pavimento, dotarase a toda a zona de novas redes de canalización de augas e alcantarillado, instalaranse novos sumideiros, canalización de pluviais e outros elementos. Dotarase á zona de pavimentado continuo de formigón impreso, con xuntas de 10 cm de espesor, para uso peatonal. Tamén se dotará aos viais obxecto de mellora de lastros de granito Blanco Berrocal para manter a mesma tipoloxía e dar continuidade ás intervencións xa realizadas no barrio.
O prazo de execución do proxecto de reforma e mellora das rúas Caravel –xunto coa travesía Caravel e pasaxe Caravel- e Loureiro será de cinco meses e o orzamento é de 153.397 euros.
Humanización, posta en valor e dinamización do barrio de Flores
O Concello do Carballiño iniciaba na primavera do 2021 o plan de rehabilitación do barrio de Flores. A zona antiga da vila, o espazo que deu lugar ao nacemento de O Carballiño, é un dos sinais de identidade do pobo e dende o goberno municipal os obxectivos pasan por conseguir o desenvolvemento humano e social dun entorno que se foi deteriorando co paso dos anos. A recuperación da habitabilidade e a preservación da identidade do espazo histórico son obxectivos preferentes.
O barrio de Flores foi perdendo poboación ao non contar coas condicións axeitadas para dar resposta ás necesidades dos potenciais novos veciños e coas actuacións que se están a desenvolver agora dende o Concello do Carballiño o que se quere é dotar ao barrio dos servizos públicos axeitados e mellorar as condicións de habitabilidade que podan facer de Flores unha zona atractiva para vivir e investir.
O primeiro dos proxectos do plan de rehabilitación do barrio de Flores foi o referido ao acondicionamento e rehabilitación da rúa Mirto, actuación que estivo dotada cun investimento de 100.000 euros.