A Directora Xeral de Turismo da Xunta presenta os Plans de Sustentabilidade Turística de Enogastronomia, dotados de 2,5 millóns de euros, nas comarcas do Carballiño-Ribeiro
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe na presentación dos Plans de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía na provincia de Ourense, do que se beneficiarán 30 concellos que contarán con 4 millóns de euros para levar a cabo 3 dos Plans aprobados na Conferencia Sectorial de Turismo, a proposta do Goberno galego.
Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor os tres Plans que se levarán a cabo na provincia de Ourense, que serán o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda), que conta con 1,5 millóns de euros para a posta en valor da súa Ruta do viño e as súas covas centenarias, entre outras accións; o PSTD Ribeiro – O Carballiño (Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda e Pontedeva), cunha dotación orzamentaria de 1,5 millón de euros e que tamén porá en valor a Ruta do viño do Ribeiro entre outras accións; e o PSTD O Carballiño e a gastronomía do Polbo, do concello do Carballiño, con 1 millón de euros.
Entre esta accións está a posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sostible desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.