O PSdeG-PSOE confirma que Lorena Peleteiro será a súa candidata para o 28-M en Punxín "para acadar un goberno de progreso neste municipio"
O PSdeG-PSOE de Punxín vén de dar a coñecer a que será a súa candidata á alcaldía de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Lorena Peleteiro Vázquez repetirá como candidata, co obxectivo de acadar un goberno de progreso no municipio e de optar por políticas enfocadas a traballar a carón da veciñanza, escoitando as súas inquedanzas e resolvendo os problemas cotiás.
Dende o PSdeG-PSOE de Punxín destacan que “o traballo levado a cabo nos últimos 4 anos por Lorena Peleteiro, actual voceira municipal, é a mellor carta de presentación da nosa candidata e deixa claro que se trata dunha persoa que loita día a día na procura dun Punxín mellor e no que a veciñanza teña uns servizos dignos”.
A Agrupación Socialista de Punxín afirma que se presentan a estas eleccións municipais “cunha enorme ilusión e cun proxecto serio e pensado para que o noso municipio avance”, apuntan tamén que “é o momento de darlle un cambio ao noso concello, de volvelo a converter nun referente, polo que estamos convencidos de que 2023 será o ano de Punxín”.
Lorena Peleteiro Vázquez, actual voceira do grupo municipal socialista en Punxín, e candidata á alcaldía por segunda vez, afirma que “asumo novamente esta elección con moita responsabilidade, pero tamén con moita ilusión e disposta a traballar dende o minuto un por Punxín e as súas xentes, como levamos facendo estes catro anos”. A candidata do PSdeG-PSOE fai fincapé en que “temos un propósito claro, que é traballar os vindeiros 4 anos dende o goberno municipal”.
Peleteiro Vázquez destaca que Punxín “precisa dun cambio, un cambio na forma de gobernar, un cambio que implique escoitar á veciñanza e dar resposta aos seus problemas e inquedanzas, un cambio que traia dunha vez por todas un goberno de progreso para o noso concello”. Dende o PSOE de Punxín finalizan afirmando que Lorena Peleteiro “é a mellor candidata para propiciar o cambio en Punxín”.