O tirón de Punxín (+40) e Maside (+35) fai que a Comarca incremente habitantes por vez primeira no que vai de século. Tamén soben O Carballiño (+21) Boborás (+13) e Beariz (+7) Baixan O Irixo (-35) Cea (-30) Piñor (-16) San Amaro (-6)
A Comarca do Carballiño gaña habitantes no Padrón Municipal por vez primeira no que levamos de século 21, según os últimos datos de referencia que ven de publicar o INE, e que fixa a pobacion oficial dos concellos para todo este ano 2023, e ata que se faga a próxima actualización por parte do Instituto Nacional de Estadística.
O incremento da poboación comarcal, que rompe a tendencia descendente das últimas cinco décadas, débese fundamentalmente a evolución positiva demográfica rexistrada en dous concellos, o de Punxín que gaña 40 habitantes e alcanza os 744 no último padrón, e Maside, que chega aos 2.753, que son 35 máis en relación ao anterior padrón, polo sigue sendo o segundo concello da comarca en habitantes.
En menor medida, tamén aumentan a súa poboación oficial o concello do Carballiño, que non logra superar a barreira dos 14.000 habitantes, quedándose con 13.932, que son 21 máis que no padrón do ano pasado, tamén sobe Boborás que fixa o seu novo dato de poboación nos 2.119, son 13 máis que o ano precedente, consolidando desta maneira a súa posición como o terceiro concello da comarca máis poboado. O outro municipio que consigue atraer novos veciños é Beariz, que suma 7 novos habitantes e fixa a súa poboación municipal en 978 habitantes.
Pola contra, perde poboación no último Padrón Municipal de Habitantes o concello do Irixo, con 1.366 persoas empadronadas, no último ano perdeu 35 habitantes, pero o drama demográfico deste concello é de tal calibre que no que vai de século, ou o que é o mesmo, nas dúas últimas décadas perdeu 819 habitantes, o 37,5% da poboación coa que contaba O Irixo no ano 2.000.
Tamén é relevante a caída do concello de San Cristovo de Cea, que perdeu o 36,8% da poboación coa que contaba ao entrar no século 21, cun descenso de 1.190 habitantes, deles 30 no último ano, polo que se queda agora con 2.042 habitantes. Piñor rexistra 16 habitantes menos, quédase con 1.146, e San Amaro, que perde 6 habitantes qúedase con 1.042, no último padrón.
Asi pois, se facemos a suma dos cinco concellos que incrementan poboación, e restamos aos catro que perden, temos que no conxunto da Comarca do Carballiño, o último Padrón Municipal suma 29 habitantes máis en relación ao ano anterior.