A Deputación comprométese a colaborar na mellora do equipamento da residencia de maiores de Avión e a reforma de vias municipais
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial unha xuntanza co alcalde de Avión, Antonio Montero, para analizar os proxectos en marcha no concello e avanzar en novas liñas de colaboración entre as dúas administracións.
Manuel Baltar avanzou o apoio a varias propostas de colaboración formuladas polo rexedor. En concreto, a Deputación colaborará na renovación do equipamento da residencia de maiores de Avión; cooperará no arranxo de vías municipais e a estrada da OU-0308 e, ademais, afondará no seu compromiso coa mellora dos servizos públicos que este concello presta aos veciños.
O presidente do goberno provincial pondera a importancia destes encontros de traballo para “coñecer a situación concreta de cada concello da man dos alcaldes e reforzar a cooperación entre a Deputación e os gobernos locais”. Para a Deputación, remarca Manuel Baltar, “é un piar fundamental estar ao lado das administracións locais e apoialas naquilo que precisen e que resulte na mellora do benestar dos veciños e o desenvolvemento da provincia”.