Un incendio arrasa unha vivenda habitada en Punxín, sen causar danos personais .
Un incendio calcinou por completo unha vivenda unifamiliar situada no quilómetro 16 da N-541, na localidade de Punxín.
As lapas comezaron pouco despois da medianoite deste pasado domingo. Os propietarios da casa, un matrimonio de septuaxenarios foron os que avisaron a Emerxencias do que pasaba e saíron ilesos polo seu propio pé.
A central de alarmas mobilizou os bombeiros do parque comarcal do Carballiño e a Garda Civil. Tamén se enviou unha ambulancia pero non foi precisa a súa intervención. Os servizos de extinción confirmaron que puideron controlar o incendio contra as 01:45 horas, aínda que traballaron para arrefriar os restos ata pasadas as 03:30 horas.
A vivenda quedou arrasada por completo e a estrutura do tellado tamén quedou afectada. Os donos da casa explicaron que o lume comezou no teito por riba da cociña na que había unha cheminea. As lapas estendéronse con rapidez. Sospeitan que o lume se iniciara no tiro dunha estufa empotrada na cheminea, porque escoitaron un estoupido, pero as causas do incendio aínda están en fase de investigación.