A Xunta e a Deputación de Ourense aproban a memoria económica que avala o cambio de modelo de xestión para os catro parques de bombeiros do Consorcio Provincial, entre eles o do Carballiño-Ribeiro
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto co presidente do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, Pablo Pérez, na reunión da comisión de estudo técnico-xurídica encargada de levar a cabo os trámites para implantar un modelo de xestión directa nos catro parques de bombeiros deste consorcio, isto é, os de O Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras. Á reunión tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
No encontro de hoxe aprobouse a memoria económica que xustifica o paso a xestión directa, no que se refire a nivel de gasto, así como a relación de persoal que tería que ser subrogado. Esta subrogación realizarase en base á sentenza do Tribunal Supremo 89/2022 do 1 de febreiro de 2022 de unificación de doutrina. O proceso continuará agora os pasos correspondentes antes da aprobación definitiva do novo modelo nun pleno ordinario do Consorcio.
A Xunta apoia a implantación do modelo de xestión directa nos parques de bombeiros da provincia, toda vez que se conclúe que a prestación directa do servizo responde a criterios de eficiencia e eficacia e cumpre co condicionante de que a mesma non supoña un aumento de costes en dita prestación e garanta os dereitos dos traballadores existentes, así como que non implique maiores aportacións económicas para a Administración autonómica.
A Administración autonómica estableceu xa en 2016 unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais co obxectivo de ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para toda a cidadanía con independencia do seu lugar de residencia. Unha vez culminados os trámites en Ourense os consorcios de bombeiros e salvamento de todas as provincias funcionarán con xestión directa.
O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos -Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)- tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.