Ruta das Tapas, Cine, Entroido dos nenos na Insua dos Poetas, Patinaxe Artística, Poesía e Música, na Axenda da Fin de Semana.
A segunda Ruta das Tapas deste mes de febreiro na hostalaría carballiñesa volve estar dedicada ás "Tapas de Cortello", con sabores de entroido por 2,5 euros e a oportunidade de gañar bos premios entre os participantes, este venres dia 10 de 20:00 a 23:00 horas.
Na carteleira cinematográfica da fin de semana temos 3 películas. O Cine-Club Carballiño proxecta este venres en horarios ás 20:00 e 22:30 h. no auditorio a película dos cineastas belgas os irmáns Dardenne "Tori y Lokita". E no Novocine de Leiro, todos os dias proxecta cine infantil "El Asombroso Mauricio" ás 16:00 horas; e xa en pases ás 18:15 e 20:30 horas a película "Una herencia de muerte"
A Segunda Edición do Entroido Infantil e Xuvenil da Insua dos Poetas terá lugar o sábado 11 de febreiro, a partir das 16 hs, no predio cultural de A Esgueva, na parroquia carballiñesa de Madarnás. As actividades programadas inclúen un concurso infantil e xuvenil de disfraces de todo tipo, individuais ou colectivos, primando o interese polas manifestacións populares. Esstarán presentes as figuras propias da Insua, os xograres e as danzadeiras. E tamén haberá xogos tradicionais e como fin de festa está previsto compartir unha merenda típica de carnaval.
O Carballiño acolle este sábado a primeira cita da temporada da FGP en patinaxe artística, a I Fase de Niveis do 5 ao 10. O Club Aehde celebra neste 2023 o seu décimo aniversario e o primeiro acto chega o sábado dia 11 na celebración no pavillón anexo Paco Chao da I Fase de Niveis do 5 ao 10, na modalidade de libre, que organiza o club carballiñés conxuntamente da Federación Galega de Patinaxe. Na cita, que se celebra dende as dez da mañá ata as 20 horas en xornadas de mañá e tarde e que contará ca participación de 25 equipos do sur de Galicia, das provincias de Pontevedra e Ourense, e cunhas 200 patinadoras e patinadores.
O domingo 12 na Bodega de Flores ás 13:00, Roberto Sobrado e Quico Valeiras repasarán, á hora do vermú, algunhas das músicas e poesías (e varias sorpresas)que veñen sementando dende hai tempo. Un acto no que a participación directa do público será fundamental para levar a bo porto este "toma & daca" ás portas do entroido.