A Xunta ofertará cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da comarca do Carballiño, 1 para Punxín, 1 para O Irixo, e 3 para O Carballiño.
A Xunta ofertará cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da Comarca do Carballiño. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Punxín, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.
Tal e como detallou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, desas cinco prazas, “unha será no centro de saúde de Punxín, outra no do Irixo e tres no do Carballiño”. “Estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica dos centros de saúde desta comarca nos vindeiros dous anos”. “Neles teremos ese núcleo de cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”, subliñou Comesaña.
O conselleiro remarcou que toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas de medicina de familia. “Estabamos vendo como determinadas prazas quedaban desertas nos concursos de traslados ou na elección de praza despois dunha oposición, e decidimos que a Xunta tiña que facilitar que a veciñanza destes concellos tivese asistencia sanitaria nas mesmas condicións que o resto”. “Por iso a Xunta está a posibilitar que as prazas de difícil cobertura se convoquen sen oposición, mediante un concurso de méritos”, engadiu.
“Galicia foi a primeira comunidade en implantar este sistema de acceso mediante concurso, a través de habilitacións legais extraordinarias, e semella que agora vaise xeneralizar a nivel nacional”, sinalou o máximo responsable da sanidade pública galega.
Comesaña agradeceu á maioría absoluta do Parlamento de Galicia que respaldase habilitar á Xunta a facer estas convocatorias, xa que como consecuencia desta medida posta en marcha pola Xunta, “a nosa comunidade é a única na que un médico pode rematar o MIR e obter praza fixa no sistema no mesmo ano”.
Medidas autonómicas
O conselleiro incidiu en que, dende a Xunta, e ante o problema da falta de médicos, vaise manter a política de tomar todas as medidas posibles para dar cobertura sanitaria a todo o territorio, "e para incentivar que se ocupen as prazas que teñen demostrado ser de difícil cobertura”.
“Seguiremos avanzando nestas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de especialistas”, defendeu. Ao respecto, destacou que a Xunta "fixo a súa parte" este ano coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, "o 100 % das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”.
De feito, incidiu o conselleiro, máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España este ano proceden de Galicia. “Todo para garantir aos pacientes a asistencia sanitaria que merecen”, concluiu.