Boborás completará con máis de 102.000 euros a eficiencia enerxética das iluminacións públicas, que iniciou hai dous anos con 337.211 euros de axuda do Ministerio para Transición Ecolóxica. José Miñones tamén destacou a mellora da conexión de fibra.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou hoxe en Boborás a concesión en Galicia de 56 axudas de transición ecolóxica a 30 pequenos concellos por un valor de 26,4 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. José Miñones fixo este anuncio no Concello de Boborás, que acadou unha das axudas deste programa, o DUS5000, que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
“Hoxe en Boborás comprobamos como o Goberno de Pedro Sánchez tende a man aos pequenos concellos para avanzar na súa transición verde e na súa dixitalización e como materializamos os investimentos e as accións políticas para combater o Reto Demográfico”, remarcou José Miñones. En Boborás, o delegado mantivo unha reunión coa alcaldesa, Ana Patricia Torres, e con parte da Corporación Local, con quen avaliou o proxecto que en Boborás financiará o programa DUS5000 con 102.625,79 euros de subvención.
En concreto, con esta axuda a Administración Local poderá afrontar a mellora da iluminación exterior de varios puntos do concello, co obxectivo de facela máis eficiente, reducindo o consumo de enerxía e a pegada ecolóxica do Concello.
Programa DUS5000 en Galicia.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é o responsable desta liña de axudas, recollida no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polos fondos Next Generation UE. A convocatoria ten como obxectivo impulsar a transición ecolóxica nos municipios de reto demográfico financiando proxectos de enerxía limpa con ata o 100% do investimento necesario.
José Miñones detallou que o orzamento total do programa ascende a 675 millóns de euros, dos que se reservan 51.232.500 euros para os proxectos presentados por municipios de Galicia: “hai que destacar que o Goberno aprobou varias ampliacións do orzamento inicial ata multiplicalo por nove”. Con esta decisión, o Goberno deu resposta ao enorme éxito do programa, para o que recibiu, ata o pasado 7 de novembro, fin da convocatoria, 3.000 solicitudes, 222 delas procedentes de concellos de Galicia.
Entre os proxectos financiados ata o momento en Galicia inclúense melloras da eficiencia enerxética, desenvolvemento de instalacións de enerxías renovables e o fomento da mobilidade sostible. O programa establece unha pinza de investimento que vai desde un mínimo de 40.000 euros ata un máximo de 3 millóns, segundo o proxecto. A subvención cobre o 85% da mesma e pode alcanzar o 100% en casos puntuais. “No caso de Boborás, a axuda concedida permite financiar a totalidade da actuación”, sinalou o delegado.
Na provincia de Ourense, ademais de Boborás, oito concellos acadaron, ata hoxe, 23 axudas deste programa por un importe de 4,2 millóns de euros. José Miñones apuntou que este listado se vai incrementar posto que aínda quedan orzamento dispoñible ata esgotar os 51,2 millóns de euros totais.
Apoiando a transición verde e dixital en Boborás
O delegado do Goberno lembrou que o proxecto aprobado en Boborás no marco do Programa DUS5000 complementa as axudas que xa percibiu este Concello do Goberno de España para a transformación da iluminación exterior do municipio. Isto é así porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu tres subvencións por valor de 337.211,16 euros para executar nos últimos dous anos tres proxectos de mellora de eficiencia enerxética da iluminación exterior municipal deste Concello.
Os proxectos consistiron na substitución de preto de 700 luminarias de tipo tradicional por luminarias tipo LED de maior rendemento e eficiencia, xunto coa substitución de cadros de mando. Esta transformación permite ao Goberno local de Boborás aforrar un 70% do consumo de luz nas zonas que se executou e reducir, en consecuencia, a factura eléctrica municipal, que é un dos gastos máis elevados que ten esta administración.
Xunto coa transición verde, José Miñones subliñou que o Goberno traballa para a dixitalización do Concello de Boborás a través do Programa ÚNICO-Banda Ancha, un programa que tamén financia o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
“A través deste programa imos garantir a conexión a través de fibra de moi altas prestacións de 675 vivendas de Boborás en 153 zonas do municipio que non dispoñían desta conexión”, sinalou o delegado.
Como novidade, José Miñones avanzou que o Goberno vén de aprobar o programa UNICO-Demanda Rural que permitirá que, mentres a fibra non estea instalada nestas zonas, as persoas que desexen acceder a internet dispoñan de acceso mediante satélite a prezo fixo: “costearemos a instalación cunha axuda de ata 60 euros e reduciremos o prezo da conexión mensual a 35 euros ao mes, para facelo competitivo e accesible. Estamos traballando para ofrecer este servizo nesta próxima primavera”.