A Xunta confirma a constitución do novo consello regulador da indicación xeográfica protexida Pan de Cea, que seguirá presidindo Carlos Manuel Rodríguez, con Juan Luis Calviño como vicepresidente
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Pan de Cea, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.
Así, este novo pleno quedou conformado por 4 vogalías da candidatura única correspondente a Elaboradores Independentes de Cea. Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez e a vicepresidencia sexa asumida por Juan Luis Calviño Testa. En ambos casos, repiten no cargo.