O concello do Carballiño estrea o "Punto Limpo Móbil" que favorecerá a recollida selectiva e a reciclaxe no ámbito rural
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade, Rita Soto e Manuel Sotelo respectivamente, visitaron o primeiro emprazamento do punto limpo móbil xunto ca representante da Asociación de Veciños de Arcos, Alsira Fernández. A intención é facilitar, in situ, o depósito dos residuos ós veciños e fomentar ó mesmo tempo a reciclaxe. Desta maneira as poboacións máis afastadas do centro poderán contar cun método de recollida selectiva, evitarase o risco medioambiental ó eliminar os vertedeiros incontrolados de residuos domésticos perigosos e permitirá un maior coñecemento da reciclaxe por parte de usuarios e administración.
O punto limpo móbil conta con oito compartimentos para a recollida selectiva dos seguintes residuos: pequenos electrodomésticos; papel e cartón; aceites usados ( aceite doméstico usado e embotellado); lámpadas e fluorescentes; envases de vidro; pilas e baterías; roupa e calzado; envases de plástico, latas e bricks.
O camión grúa levará cada luns o depósito a un novo espazo do concello. Na actualidade o goberno local xa ten planificados os lugares para os próximos 3 meses. Logo de Arcos, o punto limpo móbil estará, por esta orde, en Pol, Costoia,Trigás, Catro Camiños, Veiga, Esgueva, Mudelos, Longoseiros, Mesego, Miomás, Partovia e Señorín.
Esta iniciatitiva do Concello do Carballiño en colaboración ca Xunta de Galicia está enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia financiado a través da Unión europea- Next Generation EU.