A Insua dos Poetas celebrará o 21 de marzo o Día Mundial da Poesía. A xornada cultural contará coa presenza de centros de ensino da comarca
A Fundación Insua dos Poetas celebrará o vindeiro martes, día 21 de marzo, o Día Mundial da Poesía a través dun programa de actividades no que terán especial protagonismo os escolares da comarcas do Carballiño.
A xornada cultural, que terá lugar a partir das 10,30 horas no parque temático cultural situado na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello do Carballiño.
O alumnado participante recitará poemas de Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, figuras centrais da poesía galega que quedarán inmortalizadas en catro novos murais que se irán estreando durante o transcurso da actividade. Estas pezas, expostas na Galería da Literatura Galega, son obra dos artistas Yoseba MP, Raquel Germade, Novenoel e Delio RC.
As distintas actividades contarán este ano coa participación dos centros de ensino públicos e privados da comarca. Todos eles recibirán lotes de libros como agasallo.
Iniciativa da Unesco celebrada na Insua dos Poetas dende 2012
O Día Mundial da Poesía é unha iniciativa da Unesco, impulsada en 1999, que se comezou a celebrar en todo o mundo a partir do 2000. Dende 2012, a Fundación Insua dos Poetas celebra na Insua dos Poetas cada 21 de marzo esta data, sempre co protagonismo do alumnado da comarca.