Máis de 300 escolares da comarca participan este 21 de marzo no Dia Mundial da Poesía na Insua dos Poetas
A Fundación Insua dos Poetas celebrará este martes 21 de marzo o Día Mundial da Poesía e da Árbore a través dun programa de actividades no que terán especial protagonismo os escolares da comarca do Carballiño. A xornada, que terá lugar no parque cultural A Esgueva (Madarnás, O Carballiño), conta co patrocinio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, así como a colaboración do Concello do Carballiño.
O Día Mundial da Poesía e da Árbore na Insua dos Poetas dará comezo ás 10,30 horas coa recepción dos centros escolares da contorna, que achegarán a este espazo cultural a máis de 300 alumnos. A continuación, o programa recolle varias actuacións musicais e as intervencións de Luís González Tosar, escritor e presidente da Fundación Insua dos Poetas; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.
O alumnado recitará poemas de Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, figuras centrais da poesía galega que quedarán inmortalizadas en catro novos murais que se irán estreando durante o transcurso da actividade e que ficarán expostos na Galería da Literatura Galega. Estas pezas artísticas son obra dos artistas Yoseba MP, Raquel Germade, Novenoel e Delio RC.
De cara ao remate do acto, realizarase unha interpretación do Himno de Galicia e os escolares plantarán diversas árbores autóctonas.
O Día Mundial da Poesía é unha iniciativa da Unesco, impulsada en 1999, que se comezou a celebrar en todo o mundo a partir do 2000. Dende 2012, a Fundación Insua dos Poetas celebra na Insua dos Poetas cada 21 de marzo esta data, sempre co protagonismo do alumnado da comarca.
Nesta ocasión, a Insua dos Poetas acollerá ao alumnado dos seguintes centros de ensino públicos e privados da comarca: IES Nº1, IES Chamoso Lamas, Colexio Vila do Arenteiro, Colexio Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo, CEIP de San Amaro e CEIP do Irixo. Todos eles recibirán lotes de libros como agasallo.