Lonas e vinilos para embelecer O Carballiño, unha iniciativa do concello coa colaboración da asociación fotográfica O Potiños.
O Concello do Carballiño, en colaboración coa Asociación Fotográfica O Potiños, vén de poñer en marcha a iniciativa “Vive O Carballiño”, coa que dará vida a máis dunha decena de muros, peches e escaparates da vila. Coa colaboración dos veciños e veciñas que cederon as súas propiedades, procedeuse á instalación de lonas e vinilos con imaxes dos puntos máis emblemáticos do municipio e de anacos da súa historia.
Co lema “O Carballiño a un paso” nas rúas locen fotografías do entorno do río, de veciños e veciñas ilustres do Barrio das Flores; os oficios da Carreira, de diferentes momentos da Festa do Pulpo ou da ponte da Toscaña, entre outras. Ao mesmo tempo que se promociona o concello e o seu potencial turístico, embelécese o entorno.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, agradeceu a súa colaboración a todos os veciños e veciñas que cederon as súas propiedades para poder levar a cabo esta iniciativa que pretende poñer en valor O Carballiño como destino turístico e a súa historia.
Tamén nas últimas semanas procedeuse á instalación dun mupi de case dous metros de alto na estación de tren de Chamartín para promocionar a Festa do Pulpo e o concello. Tamén co lema “O Carballiño a un paso” invítase aos viaxantes a facer parada na vila e gozar da súa gastronomía e da celebración pulpeira, declarada de interese turístico internacional. A imaxe fala por si mesma, xa que en primeiro plano pode verse a tapa de pulpo máis grande do mundo. Ao fondo a Veracruz, emblema patrimonial do Carballiño e bandeira da súa oferta cultural.O mupi, de 175x120 centímetros, permanecerá na estación madrileña durante catro meses.