A Xunta inicia as obras que culminarán a humanización da travesía da OU-154 no Reino, en Piñor, cun investimento de preto de 300.000 €
A Xunta vén de comezar as obras que culminarán a humanización da travesía da estrada autonómica OU-154 no Reino, no concello de Piñor, e que supoñen un investimento de preto de 300.000€.
Esta nova intervención, cun prazo de execución de 3 meses, desenvólvese en dous treitos da OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, ao paso polo núcleo do Reino.
As obras consisten na humanización deste tramo, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.
Os traballos comezaron polas demolicións, da beirarrúa e de parte da calzada, que se repoñerán mellorando a accesibilidade e a sección de firme afectada. Posteriormente realizarase unha rehabilitación superficial completa do firme da calzada.
No treito entre os puntos 1+686 e o 1+723 elevarase a beirarrúa sobre a plataforma da estrada, manténdose no mesmo nivel no resto desa zona.
Ademais, entre os puntos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, disporase unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.
Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led para unha mellora da eficiencia enerxética.
Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e a colocación de nova sinalización.
Esta intervención completará a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025 para protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.