O Concello rebautiza a rúa Conde Vallellano como María Teresa Miras Portugal e ponlle nome a outras oito: Eugenia Pereira, Inés de Sanabria, Antonia Ferrín Moreiras, Camiño do Paraisal, Rúa O Carballo, Rúa Os Barreiros, Rúa Tupino e Mari Curie.
Co fin de dignificar o rueiro do Carballiño e homenaxear a aquelas mulleres que deixaron unha forte pegada neste pobo, o Concello rebautizará a rúa Conde Vallellano, que se denominará María Teresa Miras Portugal. A científica e catedrática en Bioquímica e Bioloxía Molecular recibiu en abril, a título póstumo, a Medalla de Ouro Honorífica do Concello. Con este recoñecemento o executivo local manifesta o seu compromiso por recoñecer a súa contribución á historia do Carballiño.
O cambio de nome da rúa Conde Vallellano levarase a cabo dun xeito paulatino co fin de causar as mínimas molestias á veciñanza e aos establecementos da zona. Con esta medida, o Concello do Carballiño tamén dá cumprimento á Lei de Memoria Histórica.
Ademais, co obxectivo de que non haxa vías sen nomear no rueiro municipal, oito delas levarán os nomes de Eugenia Pereira, Inés de Sanabria, Antonia Ferrín Moreiras, Camiño do Paraisal, Rúa O Carballo, Rúa Os Barreiros, Rúa Tupino e Marie Curie. Desta maneira finaliza un trámite imprescindible para os veciños e veciñas afectados e un compromiso do goberno local.
A primeira muller en presidir a Real Academia Nacional de Farmacia
María Teresa Miras estudou Farmacia en Santiago de Compostela e rematou a carreira na Universidade Complutense de Madrid con Premio Extraordinario e Premio Nacional da Licenciatura de Farmacia. Doctorouse na Universidade Louis Pasteur de Estrasburgo e tamén na Complutense de Madrid. Foi catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular nas Universidades de Oviedo, Murcia e Complutense de Madrid. Miras destacou na súa faceta investigadora, á que se dedicou durante máis de 40 anos. Publicou máis de 350 artigos en revistas especializadas.
Cómpre destacar que a carballiñesa foi a primeira muller en presidir a Real Academia Nacional de Farmacia e acadou numerosos premios, tanto das institucións académicas como científicas, así como das administracións públicas e fundacións privadas.