Patricia Torres, polo Partido Popular, e Diego Fernández polo PSOE, repiten como deputados provinciais pola comarca do Carballiño
Tralos resultados electorais na municipais do 28-M, os dous deputados que lle corresponde á comarca do Carballiño repártense entre Partido Popular e PSdeG-PSOE.
Este mércores dia 21 de xuño están convocados na Xunta Electoral de Zona, no Pazo de Xustiza, os 56 concelleiros que conseguíu o Partido Popular no conxunto dos 9 concellos da comarca carballiñesa, e os 18 que resultaron elixidos nas candidaturas do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE.
O Partido Popular volverá optar pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, para un novo mandato como deputada provincial, como primeiro suplente figura o alcalde de San Cristovo de Cea José Luis Valladares.
Os socialistas tamén volven confiar o cargo de deputado provincial ao concelleiro carballiñés Diego Fernández, que leva como primeiro suplente na súa candidatura ao alcalde de Maside, José Manuel Iglesias.