A Xunta adxudica por 940.000 euros a mellora do firme en 4 estradas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro
A Xunta adxudicou por un importe de 940.758 euros as obras de mellora do firme en 4 estradas da autonómicas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro.
As actuacións, adxudicadas á empresa Extraco Construccións e Proxectos, S.A., teñen como obxectivo o acondicionamento do firme nas estradas OU-206, no Carballiño; na OU-212, ao paso polos concellos de Avión, Carballeda de Avia, Leiro e Beade; na OU-901, en San Cristovo de Cea e no Irixo; e na OU-902, en San Cristovo de Cea e Vilamarín.
A previsión é comezar os traballos ao longo do vindeiro mes de xullo co obxectivo de rematalos este mesmo ano, ao ter un prazo de execución de 6 meses.
As intervencións obxecto deste contrato consisten na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición en arredor de 69 km de vía, completado co repintado das marcas viarias.
Ademais, os traballos incluirán outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.