A Deputación edita o libro de Xabier Limia “Oseira. El esplendoroso renacer de su abadía en la edad moderna. Lecciones de arte, fe y vida”
A Deputación de Ourense vén de editar o libro “Oseira. El esplendoroso renacer de su abadía en la edad moderna. Lecciones de arte, fe y vida”, do experto Xabier Limia de Gardón.
Manuel Baltar, que vive as súas últimas horas como presidente da entidade provincial, reuniuse no pazo da Deputación con Limia de Gardón para coñecer os detalles deste libro, incluído no Plan de Publicacións do ano 2022 e no que o autor aborda cuestións centrais arredor do “renacemento” deste mosteiro referencial na segunda metade do século XX baixo a dirección dos propios monxes. Un traballo de restauración que merecera, xa en 1990, o premio Europa Nostra.
A mirada de Gardón sobre Oseira
Limia de Gardón (San Cristovo de Cea, 1955) é un recoñecido experto na historia da arte galega, analizando as obras de artistas como Quessada, Virxilio ou Prego de Oliver e participando en congresos especializados e proxectos coma a “Gran Enciclopedia Galega”.
En paralelo, De Gardón ten realizado numerosos estudos sobre o territorio ourensán, ao que se suma a súa achega á difusión e posta en valor do patrimonio provincial. Un traballo este último no que, ademais da Catedral de Ourense ou Santa Clara de Allariz, destacan especialmente os seus traballos sobre o mosteiro de Oseira, que teñen neste libro editado pola Deputación de Ourense un novo fito.