O Centro Cultural Marcos Valcárcel rende homenaxe ás pulpeiras e a O Carballiño coa exposición fotográfica “Pulpeiras e familia”. A mostra poderá visitarse ata o próximo 20 de agosto
Trinta familias do Carballiño son as protagonistas da exposición fotográfica “Pulpeiras e familia” que dende hoxe pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación. Un proxecto artístico que naceu da man da asociación fotográfica “O Potiños”, en colaboración con Pulpeiros do Carballiño.
Os fotógrafos que participaron nesta iniciativa foron xuntando diferentes xeracións e convivindo con eles para comprender mellor o seu traballo e o amor a esta profesión. “As nosas fotos queren reflectir ese traballo, esa dedicación, e para iso prescindimos do elemento máis esencial: o pulpo. Quixemos que coas súas ferramentas -caldeira, pratos, ganchos, aceiteira, saleiro e pementeira- expresasen a satisfacción dun traballo ben realizado”, sinalan dende a agrupación fotográfica ao avaliar o resultado final.
As fotografías da exposición, realizadas en branco e negro, “son unha homenaxe a todas as persoas que, ao longo de cinco ou seis xeracións, seguen a facer un traballo ben feito e foron creando unha marca”.
Na inauguración da mostra, o deputado provincial Rosendo Fernández salientou a implicación incondicional da Deputación de Ourense dende o primeiro momento en que se coñeceu a proposta expositiva, así como a identidade xa inseparable do Carballiño co pulpo e cos pulpeiros e pulpeiras.
O director do centro cultural, Francisco González, agradeceu a Manuel Blanco, presidente de “O Potiños”, o traballo desenvolvido pola asociación para converter en realidade esta exposición, que estará en cartel ata o 20 de agosto.