O Carballiño executará unha ducia de actuacións por valor dun millón de euros para erixirse como destino turístico gastronómico de referencia
Potenciar O Carballiño como un destino gastronómico de referencia foi o obxectivo que levou ao Concello a presentar a súa candidatura no marco dos plans de sostenibilidade turística en destino. Deste xeito, obteríase a financiación para levar a cabo ambiciosas actuacións que hoxe están moito máis preto de ser unha realidade. Esta mañá asinouse na Casa Consistorial o convenio para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística O Carballiño, cun orzamento dun millón de euros de fondos europeos.
O alcalde, Francisco Fumega, asegurou que coas actuacións que se levarán a cabo no concello “facemos unha aposta decidida por potenciar os puntos fortes que xa ten O Carballiño en catro eixes fundamentais: transición verde, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade” .
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, destacou que coa firma deste convenio “afondarase na internacionalización do Carballiño e a comarca”. Tamén lembrou que a mancomunidade beneficiarase doutro plan de 1,5 millóns de euros, aumentando o potencial turístico desta parte da provincia.
Cómpre destacar que na candidatura que tramitou o Concello para optar aos fondos europeos destacouse que o pulpo do Carballiño é como unha denominación de orixe de facto e un selo inequívoco de calidade, sendo a festa que rende culto a este manxar o seu principal altofalante. Con esta premisa propuxéronse unha serie de actuacións que, coa sinatura deste convenio, darán continuidade á planificación turística posta en marcha nos últimos anos no municipio.
Estas son as principais actuacións:
-Intervencións de restauración ambiental, adecuación paisaxística e xestión do entorno do río Arenteiro para un aproveitamento turístico sostible e a xeración de espazos de ocio. A intervención contempla o derrube de estruturas inacabadas que alteran o paisaxe neste enclave especialmente relevante, pois afecta ao entorno no que se celebra a Festa do Pulpo.
-Definición dun plan de xestión de residuos para a festa, principal escaparate nacional e internacional do Carballiño, implantando medidas de economía circular.
-Implantación de solucións pasivas de eficiencia enerxética nas pallozas do cámping para adaptalas ao cambio climático e rehabilitalas para a súa explotación turística.
-Instalación dun sistema de iluminación eficiencia, independente e regulable na igrexa da Veracruz. Inclúese tamén nesta actuación a colocación de novas luminarias LED nas inmediacións dos principais elementos patrimoniais do municipio.
-Ampliación da senda do Arenteiro. Instalaranse pasarelas e puntos de descanso para crear un paseo fluvial que conecte as áreas urbanas e rurais.
-Instalación de sistemas dixitais de sinalización orientados a xerar un fluxo bidireccional de información coas persoas que visitan o municipio.
-Realidade aumentada para a posta en valor do destino, utilizando ferramentas tecnolóxicas que faciliten a visualización, exploración e interpretación de recursos e trasladen aos usuarios a outra época.
-Definición dunha estratexia de márketing dixital coa planificación de contidos para redes sociais e a actualización da páxina web.
-Posta a punto do Museo do Papel e o seu entorno coa creación dun centro de interpretación.
-Colaboración coa Asociación de Pulpeiros do Carballiño para a divulgación do pulpo como elemento xerador da economía local durante xeracións.
-Impulso de accións que poñan de manifesto a importancia do pulpo como elemento central da promoción do Carballiño como destino, así como motor da xeración de negocio para as empresas turísticas.