A Xunta supervisa as obras de mellora no CEIP Calvo Sotelo. Gabriel Alén anuncia novas actuacións de reforma nos dous ximnasios do centro educativo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a O Carballiño para supervisar o remate das obras de renovación da cuberta do CEIP Calvo Sotelo, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu máis de 101.000 euros.
O delegado territorial explicou que as obras consistiron na substitución da anterior cuberta de fibrocemento por unha nova de paneis de metálicos tipo ‘sandwich’ con illamento, con reposición de canles e baixantes, así como de tendido de illamento sobre taboleiro de cuberta para unha maior eficiencia enerxética.
Así mesmo, levouse a cabo a renovación dos aseos, con colocación de divisións en taboleiro fenólico tipo ‘trespa’ e renovación de fontanería, saneamento e aparatos sanitarios. Tamén se procedeu á colocación de falso teito modular e luminarias ‘Led’ e á colocación de tarima flotante no chan das aulas. “Todas estas actuacións -sinalou o representante do Goberno galego- executáronse coa finalidade de adaptar o centro ao uso docente actual mellorando o seu estado de conservación”.
A maiores, o delegado territorial anunciou que se vai arranxar o chan do ximnasio do edificio Uceira do Calvo Sotelo e acondicionar o ximnasio do Edificio Principal, que suporán un investimento de máis de 28.000euros.
Gabriel Alén salientou que todas estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.
O obxectivo final, subliñou o delegado territorial, é que Galicia “sexa pioneira nun novo modelo de escolas para o século XXI”, a través dun plan que dea valor engadido aos centros educativos, os espazos nos que os futuros cidadáns pasan “as etapas máis determinantes das súas vidas”. Para iso, subliñou, “é imprescindible poñer a arquitectura a disposición das necesidades do sistema educativo”.