A Xunta remata a nova parada de autobús intermodal do Carballiño logo dun investimento de preto de 170.000 €
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal do Carballiño, cun investimento de preto de 170.000 euros.
Trátase dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada da estación de ferrocarril, localizada na avenida 25 de Xullo, co fin de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.
As obras consistiron na instalación dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.
Na intervención incluíuse a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio.
Esta actuación reforzará a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño.
A intervención enmárcase nun convenio de colaboración polo que a Xunta achegou o financiamento e executou as obras, mentres o Concello do Carballiño puxo á disposición os terreos necesarios e asumirá agora o mantemento da infraestrutura.
A actuación é financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.